Skip to main content
ActualidadeViveiro

O BNG de Viveiro propón a recuperación do edificio vello ao lado do novo párking do peirao

Por 31 Xullo, 2019Sin comentarios

Hoxe mércores 31 celebrarase no Concello de Viveiro o segundo pleno desta nova corporación municipal que tivo lugar nas pasadas eleccións do 26 de maio, despois de ser o de organización o primeiro pleno. A portavoz do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, presentará unha moción para a elaboración consensuada dun plan económico plurianual a desenvolver durante o mandato 2019-2023. Plan no que se deberán estabelecer as prioridades en materia de investimentos e no que figurarán no mesmo as obras a executar no concello, as partidas que previsíbelmente sexan necesarias para a súa execución, o cronograma de actuacións das mesmas e onde se recolla a fase de  execución na que se atopa cada investimento previsto.
O BNG preguntará tamén polas franxas de protección contra os incendios, respecto ás numerosas queixas recibidas polo estado de abandono de fincas e de plantacións de especies que propagan con facilidade o lume próximas ás vivendas e núcleos de pobación, poñendo en perigo vidas e bens inmobles.
E polo que respecta aos rogos que vai plantexar, figura o de dotar de aparcabicis diferentes zonas do Concello como praias, instalacións deportivas e outros espazos públicos axeitados para o uso deste transporte, unha medida fácil de implementar e ecónomica para as arcas do Concello, que melloraría a vida das veciñas e faría de Viveiro unha vila máis sostible e propia do século XXI.
E por último, xa levadas a cabo as obras de derrubamento dos galpóns e o acondicionamento do muelle para o seu uso como aparcadoiro, destaca máis aínda o abandono da casa do gardamuelles, edificio que podería acondicionarse estudando que uso sería o máis urxente ou apropiado e redundar así no beneficio dos veciños de Viveiro.