Skip to main content
ActualidadeBurela

A Feira do Bonito de Burela xa é cita de interese turístico nacional

Por 5 Xullo, 2019Sin comentarios


Satisfacción no Concello burelés tras ser declarada a Feira do Bonito como festa de interese turístico nacional. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que se trata dunha grande noticia e para o concelleiro de Cultura, José Díaz, este galardón é xusto e merecido.
Alfredo Llano contou que “veño de recibir un correo onde se notifica ao Concello de Burela que, unha vez estudada toda a documentación na que se solicitaba a declaración de festa de interese turístico nacional á Feira do Bonito, a Secretaría do Estado de Turismo decidiu outorgarlle o título honorífico solicitado”.
Para o rexedor burelés “é unha gran noticia porque houbo moito traballo detrás. Hai que dicir que o concelleiro de Cultura, José Díaz, traballou a reo. Traballamos todos en xeral aquí no equipo de goberno, para acadar este título honorífico e polo tanto penso que é algo merecido. Burela merece este título derivado da importancia que ten para nós a pesca do túnido e o que representou sempre para a economía, para a sociedade e para a cultura pesqueira do noso concello”.
Llano engadiu que “se abre unha nova etapa con este recoñecemento, que esperemos que dea un resultado extraordinario para poñer a Burela no mapa do mundo e ao mesmo tempo para facilitar que se nos coñeza e poidamos ser visitados por moita xente durante todo o ano. Así que noraboa a todo o mundo que traballou a reo neste proxecto e que por fin ten o resultado demandado”.
Pola súa banda, José Díaz manifestou: “persoalmente estou moi contento e emocionado por conseguir isto, porque era un obxectivo desde que o levamos a pleno o goberno municipal en xaneiro de 2016. Traballamos moitísimo durante todo este tempo, máis de tres anos, para conseguilo, con todas as cousas que se piden para isto, que non é nada fácil. Apoiamos tamén desde o Concello a Ledicia nos últimos catro anos, sobre todo á hora de buscar actividades paralelas que fixeran a feira máis importante e máis grande, e tamén buscando pregoeiros que tiveran peso a nivel nacional. Tamén buscando as aparicións e entrevistas en medios de comunicacións nacionais, que quizais foi o que máis custou conseguir”.
O concelleiro de Cultura salientou que “estamos moi contentos tanto por Ledicia, que empezou con esta feira hai máis de tres décadas e tiraron dela durante todo este tempo ininterrumpidamente, como orgulloso polo pobo de Burela. En toda a provincia de Lugo soamente o Arde Lucus e as festas de San Froilán teñen este galardón de interese turístico nacional, e agora somos outra feira máis que consegue este recoñecemento. Penso que para o pobo vai ser unha forma máis de publicidade e de que nos coñezan porque isto supón, entre outras cousas, aparecer nas guías turísticas internacionais”.
O edil burelés comentou que “ademais a alegría é dobre porque falta menos dun mes para a feira e xa o podemos celebrar na mesma feira. Hai que agradecerlle a moita xente moitas cousas, sobre todo aos pregoeiros de altura que tivemos nas últimas tres edicións tanto Antón Losada como Serxio Pazos, que nos axudou moitísimo para traer aquí a Fernando Romay, a quen xa avisei da boa nova e deunos a noraboa a todo o pobo de Burela”.
José Díaz pensa que “é xusto o galardón e é un premio ao traballo feito por Ledicia e polo Concello que lle axudou, e por todos os anos que se leva facendo. É algo merecido totalmente. Hai que empezar a dar os pasos correspondentes porque supón facer novos convenios coa Xunta para que nos axude e manter este mesmo nivel. Danche o galardón, pero vixían como é normal que a feira siga tendo un alto nivel para que se manteña este premio. É algo para nós e para toda A Mariña, polo tanto todos temos que celebralo”.