Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Ribadeo acada outro éxito co festival indiano e 12.000 espectadores escoitaron a Compay Segundo

Por 16 Xullo, 2019Sin comentarios

A organización fai un balance moi positivo do VI Ribadeo Indiano que concluíu co concerto ofrecido polo grupo Compay Segundo, ante unhas 12.000 persoas. Concello e Asociación de Comerciantes, Servizos e Autónomos, Acisa, subliñan que se superaron as cifras de asistencia á anterior edición, a ocupación hoteleira foi practicamente do 100% e a localidade estivo ateigada de xente desde o venres pola tarde ata o domingo noite.
Tras o concerto do grupo caribeñotivo lugar o sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, que lle tocou a José Penzol Díaz. As mans inocentes de Lara e Mateo foron as encargadas de extraer a papeleta dunha grande urna na que se introduciron os preto de 200.000 boletos repartidos ao longo de 10 días polos 130 establecementos comerciais adheridos a esta campaña.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, dixo que se superaron todos os rexistros da anterior edición e as expectativas marcadas para esta: “O venres no entorno do peirao de Porcillán era evidente xa a gran afluencia de visitantes, moito máis que nos anos anteriores, que se foi incrementando durante os actos da subida dende o porto e despois na verbena.
O sábado era unha ledicia pasear polas rúas de Ribadeo e observar cómo a xente ía dun sitio para outro, de forma tranquila, para participar e disfrutar das moitas actividades programadas. Incluso á tardiña, naquel momento que choveu, impresionaba ver cómo tanta xente se achegou á rúa San Roque para escoitar o festival de habaneras”.
O edil ribadense engadiu que “esta edición ampliamos case un día máis a programación na vila. Refírome as actividades do domingo, poñendo como broche de ouro a actuación do espectacular grupo Compay Segundo, coñecido internacionalmente e referente da música cubana. Están de xira por Europa e conseguimos que recalaran varios días en Ribadeo. Solo nesta actuación do domingo xa houbo máis de 12.000 persoas. O Ribadeo Indiano caracterízase por incorporar eventos e actividades moi repartidas e para tódolos públicos: no Cantón, no Teatro, na zona da praza de abastos, na rúa San Roque, no peirao de Porcillán ou no parque de San Francisco, e nas parroquias da Devesa e Rinlo. E por moitas rúas e recunchos da vila, coa participación de moitas asociación culturais e deportivas de Ribadeo.  A festa tamén se repartiu por todos os establecementos de hostalería e comercio nos que puidemos seguir disfrutando do noso grandísimo legado emigrante”.
No apartado dos agradecemetos Pablo Vizoso dixo que “o Ribadeo Indiano implica moitísimas horas de traballo dun númeroso grupo de persoas ás que, como mínimo, lles quero dar as grazas desde o Concello pola súa dedicación e esforzo para que este evento resultase formidable. Non quixera esquecerme de ninguén e estoume referindo á técnica de turismo do Concello, Begoña García, e tamén ao resto de traballadores municipais; á directiva de Acisa e aos establementos asociados e en especial ao seu xerente, Jesús Pérez; ao Club de Petanca, ao Club de Billarda, ao Grupo de Teatro de Ribadeo, aos amigos do dominó, á directiva do Círculo Habanero da Devesa, aos propietarios da casa de Don Inocencio en Rinlo, ao Club Coruña Veteran Cars, á Coral Polifónica de Ribadeo, á Banda Municipal de Ribadeo e ao Coro do Colexio Sagrado Corazón, a Susi polas visitas guiadas, á asociación de produtoras/es A Sucadoira, á asociación de praceiras e praceiros da Praza de Abastos e aos moitos particulares que desinteresadamente colaboraron na decoración, ou cedéndonos as flores para que Ribadeo se engalanase aínda máis neste Ribadeo Indiando 2019”.
Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, manifestou que “estamos moi felices. O que houbo este ano é moito máis do que contábamos que houbera. Tivemos inconvenientes como que nos choveu o sábado, pero ao final eu creo que refrescou un pouco do calor que había e creo que houbo máis xente que nunca. Desde Acisa queremos dar as grazas ao Concello porque colaborou con nosoutros en todo o que lle pedimos, non houbo ningunha cousa que lle pedíramos que non nos botara unha man”. 
Iriarte destacou os datos de ocupación hoteleira rexistrados ao longo da fin de semana do 12 ao 14 de xullo: “queremos dicir que os hoteis de Ribadeo estiveron practicamente cheos e nos restaurantes era imposible reservar nada en Ribadeo. Ademais estamos falando de tres días, que por primeira vez ao alargar a festa coa actuación musical e co sorteo da viaxe foi practicamente un día máis. Como di o concelleiro, xuntar 12.000 persoas en Ribadeo, nun pobo da Mariña, para ver unha actuación é algo importantísimo, pero se queremos ser o referente da Mariña e do occidente de Asturias temos que seguir nesa liña. Oxalá para o ano que ven poidamos superalo, aínda que non o temos nada fácil”.
E engadiu que “na Devesa mantivemos as actividades na xornada do domingo e incluso houbo máis que nas edicións pasadas”.
O presidente e o xerente de Acisa tamén tiveron palabras de agradecemento: “á hora dos agradecementos quero darlle as grazas persoalmente ao concelleiro de Cultura, Pablo Vizoso, porque chegou hai unhas semanas e caeulle todo encima. Non quero esquecerme da viaxe a Cuba que sorteamos, a colaboración de Estrella de Galicia e do Banco Sabadell foi moi importante para poder realizalo. Dar as grazas a todo o mundo e aos nosos socios porque deron todas as facilidades que puideron, se non puideron atender mellor á xente é porque era imposible, pero o intentaron. Tamén queremos dar as grazas a todas as persoas que de maneira directa ou indirecta colaboran coa organización do Ribadeo Indiano, ao persoal do Concello e das empresas contratadas para traballar nesta cita e tamén aos grupos que participaron no evento. Sen toda esa axuda o Ribadeo Indiano non sería posible. Así que dar grazas a todos e vémonos o ano que ven no Ribadeo Indiano”.
A organización do Ribadeo Indiano manterá unha xuntanza esta semana para avaliar esta sexta edición: “abordamos aspectos organizativos e tamén relativos á repercusión na economía local”.
O domingo ao mediodía tamén tivo lugar a poxa das obras que participaron no I Certame Benéfico de Pintura ao Aire Libre. En total foron recadados 800 euros, que irán destinados ao Hospital Hijas de Galicia de la Habana, que se viu afectado por un tornado o pasado mes de xaneiro. Na poxa vendéronse 4 cadros dos presentados a concurso e un que foi cedido polo artista asturiano Toni Noguera. O resto das obras estarán expostas durante unha semana na Oficina de Turismo. As persoas interesadas en facerse con algunha delas e axudar a ese hospital cubano poden adquirilas polo prezo de saída na poxa. 
Rematou o VI Ribadeo Indiano e comeza a conta atrás para a edición de 2020.