Skip to main content
ActualidadeAlfoz

Alfoz viaxa ao medievo os días 19 e 20 de xullo ao carón da Fortaleza de Pardo de Cela

Por 17 Xullo, 2019Sin comentarios

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, xunto co alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, e outros membros da corporación presentaron este luns na Torre do Castelo de Castrodouro, o XXI Mercado Medieval de Alfoz, que terá lugar os días 19 e 20 de xullo na contorna da Fortaleza de Pardo de Cela.
 Vidal Baamonde sinalou que “durante estas dúas xornadas miles de persoas achéganse a este concello da Mariña, para coñecer parte do noso patrimonio, paisaxe, e historia, retrocedendo no tempo ata o ano 1483, no que apresaron ao Mariscal Pardo de Cela”.
Ademais, o alcalde explicou que “este ano é o primeiro organizamos directamente  o mercado desde o Concello, deste xeito garantimos a súa continuidade favorecendo así que cada ano chegue a máis xente. Convido a todos os veciños da provincia a achegarse a nosa historia. Quero destacar a representación teatral que terá lugar o sábado e que estará presentada polo escritor Manuel Lourenzo, fillo predilecto do Valadouro e dirixida por Pedro López Murillo, xunto con un grupo de veciños voluntarios”. 
Durante a xornada haberá danzas medievais a cargo de Marco Uría, así como desfile de traxes medievais a cargo do Nabiño de Mondoñedo, que tamén conta cunha exposición de vestimentas de época no interior do castelo. Ademais terán lugar diferentes actividades para os máis pequenos; como paseos a cabalo, obradoiros de cestería, panadería, ou xogos tradicionais ou monicreques. Nesta edición o pregoeiro será Juanma Marrube, adestrador do Burela FS, veciño de Alfoz e que recentemente foi nomeado mellor adestrador de fútbol sala. 
Programación
Venres, 19 de xullo: 
20:30: Pregón a cargo de Juanma Marrube
21:00: Danzas medievais a cargo de Marco Uría
22:00: Desfile de traxes medievais a cargo de Marco Uria coa colaboración do Nabiño de Mondoñedo
23:00 Música
00:00 Queimada popular a cargo do Bruxo Mon
Sábado, 20 de xullo: 
11:00: Demostración de cetrería
12:00: Nomeamento, bendición e imposición de medallas aos Escudeiros do Castro no Patio de Armas do Castelo
13:00: Espectáculo de malabares
14:00: Hora de xantar e coller folgos
17:00: Xogos Valecos
18:00: Tiro con arco
19:00: Demostración de cetrería
20:00: Representación teatral
21:00: Música
21:30: Cea medieval
22:30: Espectáculo de lume
23:00: Música
00:00: Queimada popular a cargo do Bruxo Mon