Skip to main content
ActualidadeViveiro

O BNG de Viveiro preguntará no vindeiro pleno polas franxas de protección contra o lume

Por 30 Xullo, 2019Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural publicou no DOG do 7 de maio de 2018 a instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galiza. Esta instrución determina as competencias que corresponden aos concellos e cales á Xunta para o inicio das actuacións de oficio co obxecto de impulsar as franxas de proteccción antiincendios e como proceder contra quen incumpre as obrigas de xestión do matorral e do arborado nestas franxas en torno aos núcleos de poboación e vías de comunicación. Por iso o BNG de Viveiro vai trasladar esta cuestión ao vindeiro pleno municipal.

Durante as últimas semanas o BNG recibiu numerosas queixas veciñais ao respecto do estado de abandono de fincas e de plantacións de especies que propagan con facilidade o lume próximas a vivendas e núcleos de pobación do concello. A veciñanza laméntase de que as administracións non actúen de oficio para evitar estas situacións que poñen en perigo a seguridade das persoas e das propiedades, cando son elas as que teñen a competencia para facer cumprir as súas propias normativas administrativas, como a da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza. Non é admisible, opinan, que debido a deixadez e irresponsabilidade das administracións sexan os propios afectados os que teñen que denunciar a algún dos seus veciños por incumprimento desta obriga de limpeza, o que non so supón para a veciñanza mareos e dificultades á hora da realización do trámite burocrático, cuxa resolución se alonga no tempo,  senón que tamén acaba afectando ás relacións entre a veciñanza e con consecuencias negativas para o mantemento dunha convivencia veciñal en harmonía.

Sendo o concello de Viveiro, de acordo coa Instrución 1/2018 da Consellería de Medio Rural, a administración competente para vixiar o cumprimento das franxas de protección contra o lume no solo rústico, urbanizable ou de núcleo rural, o BNG, liderado por Miriam Bermúdez, trasladarlle ao goberno municipal as seguintes preguntas:

  • O Concello de Viveiro conta cun plan municipal contra incendios, no que está delimita a rede de franxas secundarias?

  • O Concello de Viveiro puxo en marcha algunha campaña informativa recordando á veciñanza a necesidade de manter limpa as franxas de protección en torno á casas ailladas, os núcleos de poboación, ás explotacións agro-gandeiras, instalacións industriais, gasolineiras, parques etc.? ou publicou e distribuíu algún bando municipal informativo ao respecto?

  • O Concello de Viveiro solicitou adherirse ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galiza, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o estabelecemento dun Sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias? O goberno municipal ten pensado adherirse a este convenio?

  • O concello de Viveiro está a facer algún tipo de vixiancia do cumprimento das franxas de protección en torno ás vivendas e núcleos de poboación, onde a normativa obriga a manter 50 metros libres de matorral, pinos e eucaliptos? Se é así, cantos avisos sobre o incumprimento desta obriga notificou de oficio este ano, cal é o número de traballadores municipais dedicados a esta tarefa e cantas saídas de campo fixeron para realizar as comprobacións oportunas?