Skip to main content
ActualidadeO Valadouro

Manuel Lourenzo disertará sobre o Antroido no Valadouro

Por 30 Xullo, 2019Sin comentarios

A Asociación Cultural Cultura do país, con local social no Carril das Hortas da cidade de Lugo, preséntase no Valadouro cunha disertación sobre a tradición do Antroido na comarca valeca.
O dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado que pronuncie a conferencia intitulada ‘O Antroido tradicional no Valadouro’ o venres 2 de agosto ás 19:00 horas.
A cita terá lugar na Casa da Cultura que leva o nome do escritor, no local anexo ao vestíbulo. Previamente, terá lugar unha breve presentación dos obxectivos de Cultura do país, un colectivo que se asenta na comarca logo de que varias persoas de Alfoz e Ferreira creasen un grupo estábel.
Fillo predilecto do Valadouro desde hai unha década, Manuel Lourenzo inaugura o proxecto cultural na comarca, exercendo como mestre de cerimonias na primeira actividade do colectivo no Valadouro.
Este escritor, actor e director de escena mostrou sempre grande interese polo patrimonio inmaterial da terra que o viu nacer, por tal motivo, nos anos ’60 compilou toda a información existente sobre o antigo Antroido Valeco.
A orixe desta compilación etnográfica nacería dun amplo proxecto desenvolvido no seu día por varios intelectuais; tratábase de estudar as formas parateatrais galegas e cada un escollería unha localidade concreta e mais unha celebración, Manuel Lourenzo optaría polo Antroido da súa terra natal.
Cultura do país estréase na comarca coa divulgación de contidos etnográficos locais, tratando de transmitir a importancia dun patrimonio cultural que é preciso recoller, estudar e dar a coñecer ás xeracións futuras. Convida a veciñanza da Mariña a coñecer o seu proxecto cultural o vindeiro 2 de agosto en Ferreira, onde tamén se exporán as condicións para formar parte do colectivo.