Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba e Cruz Vermella organizan a segunda festa O Rural Máis Vivo

Por 5 Xullo, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba e Cruz Vermella Española organiza de novo este ano a Festa O Rural Máis Vivo, que terá lugar o sábado 6 de xullo.

Esta festa englóbase dentro do Plan de Dinamización Rural que o Concello de Vilalba arrincou hai uns meses a través desta institución, impartíndose unha serie de talleres en todas as parroquias do municipio, que engloban actividades físicas, actividades de estimulación cognitiva, manualidades, así como, talleres de autoestima e valoración da muller.

O obxectivo desta festa é crear un espazo lúdico, onde todos os participantes dos talleres e demais veciños do concello se divirtan e pasen un intre agradable.

Á festa poderán asistir tanto aquelas persoas que participen nos talleres, como aqueles veciños do municipio que, aínda que non acudan ás actividades, queiran gozar dunha xornada lúdica. O evento situarase na chaira da piscina municipal na área recreativa da Madalena.

As actividades darán comezo ás 11,30 horas da mañá coa recepción dos participantes. Continuará cunha exhibición dos talleres, xogos de estimulación cognitiva, actuación da Asociación Cultural e Musical Benéfica Sintonía de Sancovade, actuación de Orixe dos Soños do mago Óscar Belo e unha comida á que poderán asistir todos os veciños do Concello que así o desexen.

A comida será servida por Hnos. Debasa. O prezo do menú será de 16,50 euros para os adultos e 10 no caso dos nenos menores de 10 anos. Estará composto por entremeses, empanada, churrasco con patacas e ensalada, sobremesa, café, pan, auga, gasosa e refrescos.

A festa finalizará ao redor das 20,30 horas.

Quen desexe asistir deberán poñerse en contacto cos responsables das asociacións de veciños de cada parroquia, ou a través do número de teléfono 620.218.127. O prazo para apuntarse estará aberto ata o vindeiro luns día 1 de xullo.