Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O boi non é de onde pace senón de onde nace

Por 13 Agosto, 2019Sin comentarios

Por Raul Río

Hai un dito moitas veces repetido por algúns paisanos que non deben ter moito apego á terra que nos viu nacer. Din que o lugar de  nacemento no ten nada que ver coa identidade nacional da persoa e pretenden xustificar a súa ingratitude afirmando que inflúe mais na nacionalidade o lugar no que se vive, “onde se pace”, que o lugar de nacemento.

Si esa afirmación fose certa todos os emigrantes nacidos e nacidas en Galiza deixaríamos de ser galegos e galegas, pero nacionalidade ven de nacemento, aínda que despois os Estados -si eses emigrantes ou exiliados traen diñeiro-, outórganlles documentos oficiais recoñecéndolles unha nacionalidade, pero que so ten validez a efectos legais.

As vivencias persoais da nosa infancia son as que quedan impregnadas  para sempre no noso maxín e iso, aínda que tivéramos unha infancia frustrada da que pretendemos renegar, nunca poderemos despegarnos do que somos por moito que intentemos esquecela. Si renegamos de ser nos mesmos non seremos ninguén, porque o máximo que podemos chegar a ser é unha simple fotocopia do que pretendemos, e xa se sabe que unha fotocopia carece de valor algún.

Na infancia imos descubrindo o mundo a partir do entorno no que vivimos e imos conformando a nosa idiosincrasia e un xeito de pensar acorde coas nosas vivencias.

Cando falo destas cousas sempre lembro ao meu amigo Xosé María Díaz Castro, pois o poeta vilarego sentía morriña polo paraíso perdido da súa infancia que pasou no Vilariño. “Pacía” en Madrid -segundo esa desacertada expresión-, que segundo me dicía era para el como nunha cadea e constantemente buscaba paisanos cos que falar, porque nunca deixou de ser galego.

Rainer María Rilke, un dos grandes poetas do século pasado, a quen Díaz Castro lle tiña moita lei e traduciu as súas obras, dixo que a patria das persoas é a infancia, e outro poeta, o noso veciño portugués, Fernando Pessoa, escribiu que a patria é a lingua.

O grande escritor vilalbés, Agustín Fernández Paz, tamén nos lembra que a nosa infancia é vital para o resto da nosa vida e influirá no rastro que deixemos durante toda a nosa existencia, vivamos onde vivamos ou pazamos onde pazamos.

Eu non sei que pensaran os bois nin si teñen outros valores, pero creo que un dos sentimentos humanos mais importantes é ter apego e cariño aos nosos antepasados e ao lugar onde nacemos, cariño e apego que non nos ten porque impedir amar e respectar tamén o lugar de acollida, pero penso que nunca debemos, nin temos, porque renegar de onde somos, pois pódense amar as dúas patrias sen deixar de ser nós mesmos. Compre ter as raíces ben afincadas na nosa matria e as polas abertas aos catro ventos para recoller e respectar as demais patrias e as diferentes culturas.