Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Critican á alcaldesa de Viveiro por non solicitar obradoiros de emprego tendo 900 desempregados

Por 4 Agosto, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro lamenta que o Concello rexeitara ofrecer formación para o emprego a un maior número de desempregados viveirenses. Nese sentido, censuran que o Goberno municipal non solicitase ningún obradoiro de emprego dirixido na súa totalidade a este municipio.

“Parécenos gravísimo que se desperdiciase unha oportunidade coma esta”, sobre todo, indican, “porque está enfocada á mellora da empregabilidade e ofrece contratos laborais durante un mínimo de nove meses”. O que fixo a entidade local foi compartir obradoiro con outros dous concellos da zona como son Ourol e O Valadouro, o que provoca que o número de persoas desempregadas de Viveiro beneficiadas sexa moito menor que se dispoñese dun propio.

Os edís do PP consideran que “a situación é aínda máis criticable se temos en conta que o Goberno galego concedeu tódolos obradoiros de emprego que foron solicitados”. Isto implica que, se non fose pola decisión dos socialistas, Viveiro podería ter hoxe desenvolto dous obradoiros -un dirixido a menores de 30 anos en situación de desemprego e outro, para persoas desempregadas de maior idade- dos que se beneficiarían un total de 40 persoas -20 prazas en cada un-.

Engaden, tamén os populares, que “os gastos son sufragados integramente pola Xunta de Galicia”; polo que “non suporía o desembolso de nin un só euro das arcas municipais”; de aí que  non entendan qué argumentos levaron ao Goberno local a non pedir este tipo de iniciativas en materia de promoción do emprego, pois en maio -mes no que se debería de ter solicitado o obradoiro- existían 900 desempregados no municipio.

Por outra banda, tamén censuran que intenten xustificar esta decisión “nunha posible denegación ao ter a escola taller en precario, cando tempo tivo dabondo para buscar outra alternativa de non ser viable a súa reparación, e non esquecemos que o ano pasado tampouco o solicitaron e está todo nas mesmas condicións”.

É por este motivo, polo que consideran que os socialistas “deberían de dar explicacións públicas a estes parados dos motivos polos que rexeitaron unha oportunidade coma esta” e conclúen: “parécenos tan grave que, tendo en conta que un concello cama este, no que hai moita xente sen traballo desgraciadamente, os nosos dirixentes desperdicien calquera opción de poder darlles unha oportunidade laboral…”.