Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A asociación da automoción fai posible que alumnos italianos fagan prácticas en hoteis como O Cabazo de Ribadeo

Por 8 Agosto, 2019Sin comentarios

Elisa Bertolone, unha alumna italiana do I.I.S. Santorre di Santarosa, de Turín, está realizando prácticas no hotel O Cabazo de Ribadeo. Chegou da man de Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Apaga, que ten sede en Ribadeo, a través dun programa Erasmus +. Pasará pola recepción, a cafetería e o restaurante ata mediados de outubro. 

O presidente de Apaga, Álvaro Doural, comenta que “dentro do programa de Erasmus + e doutras accións europeas coas que a asociación está implicada, ata mediados de outubro imos ter aquí a Elisa, alumna de Turín que vai facer as prácticas no hotel O Cabazo”. 

Doural destaca que “con isto comeza un periodo de acollemento de distintos alumnos doutros países, como por exemplo en marzo de 2020 chegarán de Lituania e posiblemente tamén de Italia. Para nós é unha oportunidade de poder coñecer a alumnos doutros centros e facémolo encantados porque cremos que compartir e prestarnos a que alumnos doutros países veñan a Ribadeo é importante para a asociación, para Ribadeo e para A Mariña”.

Doural lembra que “no Cabazo, a través do IES de Foz, estiveron hai uns meses alumnos franceses. O IES de Foz está tamén implicándose moito nas accións europeas e ten varios proxectos en marcha”. 

Pola súa parte, Elisa Bertolone conta que chegou a Ribadeo o 22 de xullo e estará ata o 15 de outubro, que a experiencia é moi boa para ela, sobre todo para o seu futuro porque pode aprender moito, non só o idioma, senón todo tipo de aspectos hostaleiros. Tiña estado noutras cidades españolas antes, como en Salamanca e no sur e asegura que no Cabazo está como na súa propia casa.