Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O goberno de Barreiros do BNG atribúe aos gastos da anterior alcaldía a complicada situación económica

Por 16 Agosto, 2019Sin comentarios

O informe de intervención que acompaña a aprobación da Conta Xeral manifesta que no ano 2018 “continuouse coa liña negativa de incrementar o gasto e isto trouxo como consecuencia o incumprimento de novo de todas as magnitudes orzamentarias, situando a economía do concello nunha situación complicada”, segundo o explica o goberno rexido pola nacionalista Ana Ermida.

A conta xeral foi estudada en comisión informativa na tarde de onte e someterase a aprobación no vindeiro pleno no mes de setembro.

Para o  recén estreado goberno municipal, esta situación vén a ratificar que a política de gasto descontrolado que se estaba a levar a cabo ata maio foi atendendo a criterios puramente electorais e esquecendo os intereses xerais e lamentan que “por causa do despilfarro do anterior goberno, nos vexamos nunha situación complicada que requirirá a adopción de medidas.”

A alcaldesa, Ana Ermida, manifesta que “é inconcebible que coa situación deste Concello non se realizara un control do gasto e iso é o que agora ten que asumir o novo goberno, que traballará con rigor e seriedade para non seguir afondando un burato económico que dificulta enormemente o funcionamento, mesmo diario, desta administración.”

O informe de intervención conclúe que “revisando a situación económica, deberanse tomar medidas drásticas de control e redución do gasto, tanto corrente como de investimento. Sen embargo, considero que con isto soamente non se vai poder volver á senda do cumprimento, polo que será preciso tomar tamén algunha medida importante para o incremento dos ingresos.”

Desde o goberno municipal sinalan que estudarán as medidas a tomar e que procurarán que as mesmas non recaian de xeito xeral sobre as veciñas e veciños, que levan anos sufrindo o descontrol económico no municipio.