Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O PP tilda de humorista ao alcalde de Burela por dicir que traballa duro estando en funcións e manter a grada da Marosa pechada

Por 20 Agosto, 2019Sin comentarios

O PP de Burela considera que “o alcalde en funcións está deixando a súa faceta como mago afeccionado pasándose ao humor”. Así o manifesta Manuel Rouco en relación ás declaracións de Alfredo Llano afirmando que a pesar de que “o Goberno do Concello está en funcións” está a “realizar un duro traballo”.

Os populares condenan “a lamentable situación na que se atopan os baños do Monte Castelo ou o feito de ter pechada unha das gradas do campo de fútbol da Marosa para, cando menos, o inicio da liga, por non ter iniciado actuacións, en tempo e forma, que garantan a seguridade dos espectadores”.

Igualmente, lamentan dende o PP de Burela que, mentres di estar facendo ese “duro traballo”, “o cemiterio municipal continúe nun estado de abandono absoluto; xa que estivo sen auga en pleno verán durante numerosas semanas de forma consecutiva e a flora autóctona campa ás súas anchas polo recinto”. Tamén a maleza inunda os solares do centro urbano de Burela apropiándose paulatinamente das beirarrúas da nosa vila sen que o “duro traballo” do alcalde en funcións solucione a situación.

Pregúntanse tamén dende o Partido Popular burelés se ese “duro traballo” é a obra do “Escorial” de Burela, situada no parque da rúa de Suafonte, que leva meses en fase de obras “igual que moitos dos apartados cos que se encontran os usuarios da web municipal”.

“Llano trata de eliminar ao Partido Popular dos actos institucionais”

Os populares bureleses cren que “o duro traballo de Llano debe ser o de tratar de que a única alternativa real de Goberno en Burela, a do Partido Popular, non teña visibilidade institucional”.

Así o cren tras a “non invitación” á presentación oficial da Feira do Bonito deste ano que dende o PP local cualifican como “algo inaudito” que tamén se estendeu  aos representantes da Xunta de Galicia. Deste xeito, entenden que “debe estar moi preocupado en tratar de apropiarse dos méritos xestores deste evento para sacarlle rendemento político de cara á cita electoral do próximo mes de setembro”.

Así mesmo, sinalan que “ese duro traballo do que fai gala o Sr Llano tivo que ser o que lle impediu acudir á invitación oficial que lle ofreceu o Goberno da Xunta para supervisar o avanzado estado das obras do colexio Virxe do Carme que rematarán de cara ao inicio do curso lectivo acompañando á conselleira de Educación, Carmen Pomar.

“As denuncias veciñais non paran de amorearse”

Todas estas son “unha pequena mostra das numerosas denuncias veciñais das que, dende o Partido Popular de Burela, nos estamos a facer eco. Denuncias que non paran de amorearse este verán ante a falta de seriedade do alcalde e a pasividade máis absoluta deste Goberno a ralentí”.

Rouco considera que “Llano se atopa encantado con esta situación de Gobernar en funcións no Concello; xa que van cinco meses nos que non se celebra ningún tipo de pleno, a pesar de que houbo motivos de sobra. Así, pode dedicarse ao que mellor se lle da: o “postureo” nos bares da vila e á venda de fume”, sinala o popular que defende que “como ben saben os veciños de Burela, “duro traballo” e Alfredo Llano, non conxugan na mesma frase”.