Skip to main content
ActualidadeBegonte

A Deputación inicia as obras de reparación da Ponte de Uriz

Por 19 Agosto, 2019Sin comentarios

Cumprindo coa previsión anunciada polo Presidente da Deputación, José Tomé, este luns comezaron as obras de arranxo do firme da ponte de Uriz, no Concello de Begonte, tras o afundimento de parte da vía, a estrada LU-P-5101 á altura do punto quilométrico 1,100, ocorrido hai cinco días. Para poder acometer os traballos, dende esta mañá, o tramo afectado quedou pechado ao tráfico cos desvíos alternativos correspondentes debidamente sinalizados. Estas sinalizacións situáronse na rotonda do polígono industrial de Rábade, no cinto comarcal de Begonte e nos accesos procedentes de Pena de Rodas, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

Os traballos de arranxo, que se acometen con cargo ás tarefas de conservación da rede viaria provincial, terán un custe aproximado de 10.000 euros e consistirán no baleirado e rexeneración con formigón da parte da calzada afundida e a posterior reconstrución do firme con aglomerado.

Está previsto que as obras rematen e a circulación de vehículos quede normalizada no prazo duns dez días.