Skip to main content
ActualidadeVilalba

Arrinca en San Xoán de Alba o proxecto Casa Nicanor

Por 14 Agosto, 2019Sin comentarios

Iniciáronse na casa Nicanor as actividades que pretenden convertir a aldea de San Xoan de Alba nun punto referente da cultura galega. Nesta ocasión, as actividades foron dirixidas aos pelegríns: puideron visitar a casa tradicional, compartir historias e degustar algúns produtos típicos. Tiveron así a oportunidade de coñecer a cultura de Galicia a través do Camiño de Santiago e de desfrutar a etapa dunha maneira única e real sen a única presión de chegar á meta.

Alberto Galego, Sol Álvarez e Ana Álvarez son tres mozos da Terra Chá que construiron nunha antiga casa do rural galego un proxecto moderno e interseccional que une o turismo sostible coa dinamización da cultura e o mercado da zona.

En primavera e verán, organizaránse en Casa Nicanor eventos e para turistas e veciñanza, desde almorzos culturais, roteiros pola natureza, freetours en Vilalba, concertos, obradoiros e cine de verán. En inverno, a súa actividade basearase en traer ao rural as profesións dixitais deste século: deseño gráfico, márketing dixital e produción audiovisual. Un proxecto valente e fresco co que estes tres mozos combatirán a despoblación e a decadencia demográfica no rural galego.

Preto de 50 turistas marcharon encantados por ter coñecido de primeira mán unha casa que conserva a estructura tradicional chairega, que leva ao visitante a unha viaxe no tempo. Foron varios os que, sorprendidos pola iniciativa, alabaron o proxecto e destacaron que é “un grande descubrimento” no medio do baleiro cultural no que se atopa o camiño norte.

“Queremos estar aquí, na Terra Chá, porque é de onde procede a nosa familia. Cremos que é importante loira contra o despoboamento rural e deixar de pensar que a única opción laboral está nas grandes cidades”, explicou a diretora de comunicación de Nicanor, Ana Álvarez Soto, aos pelegrins que se pasaron pola casa.

Imaxinación, coñecemento e talento póñense a dispor da comarca e das súas xentes para tentar dicirlle a Vilalba, Galicia e ao mundo enteiro que un rural sostible, moderno e solidario é posible.