Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Non son cousas de nenos

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

Por Lara Real Lema

Gafiñas catro ollos, capitán dos piollos, se tes máis de 30 anos e tiñas lentes cando ías ao colexio, como é o meu caso, estarás máis que aburrido desta rima. Na maioría dos casos, a cousa non pasaba de aí e a túa vida escolar transcorría máis ou menos feliz.

O tema cambia se o neno ou nena é obxecto de bromas pesadas disfrazadas de xogo; sofre burlas continuadas, vexacións, illamento do seu grupo de iguais ou xa en último termo ameazas e/ou agresións. Como pais e educadores é moi importante desbotar a idea de que este tipo de actuacións son soamente “cousas de nenos”, estas experiencias causan nos rapaces un gran sufrimento que repercute entre outros aspectos, na súa autoestima.

As novas xeracións sofren ademais o chamado “ciberbullying” ou acoso a través das novas tecnoloxías, especialmente mediante as redes sociais, no que as ameazas e burlas continúan a través de mensaxes ou vídeos amparadas en moitos casos, polo anonimato que ofrecen.

É sabido que a maior parte dos nenos que sofren acoso escolar non o contan, e na súa desesperación tenden a buscar solucións polarizadas que van dende converterse eles mesmos en agresores atacando aos seus acosadores, ata tentar (e conseguir en moitos casos) acabar coa súa vida como única forma de escapar desa situación.

Para os pais e nais non resulta fácil coñecer se existe esta problemática xa que a vítima tenta por todos os medios que o tema pase desapercibido ben sexa por medo ao seu agresor (pensa que se di algo as represalias serán aínda peores); por vergoña, ou porque temen que a reacción dos seus pais vaia na liña de que son brandos e “teñen que aprender a defenderse sos”.

Se como pais e nais vemos sinais tales como: cambios de humor, nerviosismo e irritabilidade, alteracións nos patróns do sono e alimentación ou un baixón considerable no rendemento escolar, debemos poñernos alerta. Tamén no caso de que o neno empece a poñer escusas para non ir ao colexio, esaxere dores ou vomite antes de saír da casa. A petición de cartos, a perda ou deterioro de roupa ou material escolar así como a presenza de feridas ou moratóns sen explicación ou debidos a caídas ou accidentes que acontecen con demasiada frecuencia, son feitos que non debemos deixar pasar.

Se estamos nesta situación o primeiro será falar co rapaz e tentar que nos conte que pasa sen quitarlle ferro ao asunto, para el ou ela é un sufrimento e escoitar dos seus pais que “iso non é nada” pode ser demoledor e facer que se peche en si. É importante tamén que quede claro que non ten a culpa e que ninguén merece ser acosado. O segundo que debemos facer é poñelo en coñecemento dos responsables do centro para que se tomen as medidas axeitadas e dependendo do caso, denuncialo as autoridades.

A Fundación Anar xestiona o teléfono contra o acoso escolar. A través do número gratuíto 900018018 este servizo pretende servir de axuda para calquer persoa que teña coñecemento de casos de acoso escolar e ciberbullying, porque non, non son cousas de nenos.