Skip to main content
Actualidade

Financiados varios obradoiros de emprego na Chaira

Por 10 Outubro, 2019Sin comentarios

Anunciouse a posta en marcha de 14 obradoiros de emprego que implican a 32 concellos da provincia de Lugo, para o que se destina un orzamento de 4,4 millóns de euros.

Estes obradoiros permitirán a contratación de 333 persoas, entre alumnos-traballadores un total de 272 persoas, e persoal de dirección, administración e monitores farán 61 contratos.

Os beneficiarios recibirán formación que poderán acreditar cun certificado de profesionalidade, ao tempo que terán acceso a un contrato de traballo durante a súa participación na actividade.

Dos 14 obradoiros que se porán en marcha na provincia, 12 deles serán duais, cunha duración de 9 meses. Ademais, desenvolveranse dous talleres de garantía xuvenil, un en Lugo Atrium Tic e outro en Ribadeo Doc Tic III, dirixidos especificamente a mozos menores de 30 anos. Estes últimos terán unha duración de 6 meses e os participantes deben estar inscritos e en situación de beneficiarios no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da comunidade autónoma.

Entre os criterios de valoración desta convocatoria destacaron a maior puntuación para os concellos asociados ou resultantes de fusións de dous ou máis municipios, así como para os concellos emprendedores. Tamén se primaron os proxectos que tiveron máis actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital ou a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio.

Así mesmo, no caso dos obradoiros duais valorouse o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación laboral do alumnado que os supere, durante un mínimo de tres meses, con contratos nunha empresa a xornada completa. No caso da provincia de Lugo, esta opción incorpórana os obradoiros promovidos polos concellos de Vilalba, Becerreá e Castroverde -en cada caso asociados con outros municipios- e tamén o de Monforte de Lemos -que o impulsa individualmente-.

No que respecta á distribución dos obradoiros, tres talleres involucran a 10 concellos da Terra Chá, Meira e a comarca de Lugo Terra Chá Dixital, Camiño da Chaira V e O Castro V, cun investimento de 1 millón de euros e 73 contratacións.

O inicio dos obradoiros duais está previsto para o mes de novembro. En canto aos talleres de garantía xuvenil, en ambos casos xa se atopan na fase de selección de persoal e comezarán en breve.