Skip to main content
Actualidade

A Casa Museo de Manuel María acolle unha obra de teatro para público infantil

Por 25 Outubro, 2019Sin comentarios

Este sábado, 26 de outubro, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 horas, Os libros contraatacan, unha comedia dirixida para público infantil a partir de 6 anos e levada á escena por Lucecús Teatro.

A peza de autoría de Anxo Manoel Lamelo e dirixida por Isabel Herrero ten a seguinte sipnose:
Unha loita entre o ben e o mal. Os libros e os que habitan neles debátense entre facer o ben ou pasarse ao lado escuro. Na biblioteca da Academia Jedi, un estudante queda pechado e esquecido pola noite. O que alí faga, rodeado de libros, marcará o seu destino para sempre. Xogos, falcatruadas, cancións e moito conto serán os seus compañeiros de viaxe. O protagonista Anakin, grazas ao seu encerro e coa axuda dos libros e das leccións dos seus mestres Jedis, sempre baseadas en contos e lendas, tratará de atopar unha solución á súa situación. Esta peza, fala do dereito a ser diferente e da dificultade de facelo, dos límites entre o ben e o mal, de como hai cousas que escapan ao noso control e sobre como poden marcar o noso percurso vital. Que está ben? Que está mal? Onde está a diferenza? O que é malo para nós pode ser bo para outros e viceversa? Como inflúe en nós o xeito en que nos tratan os demais?

A representación, de cincuenta minutos de duración, encádrase dentro do programa de teatro profesional Proscenio que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.

A entrada é libre até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal