Skip to main content
Actualidade

As Pontes súmase á campaña 'En negro contra as violencias'

Por 19 Novembro, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes voltará a tinguirse de negro, desde o 19 ao 25 de novembro, coa finalidade de sensibilizar á veciñanza con respecto á situación de violencia que sofren, cada día, ás mulleres en todo o mundo.
O Concello súmase así, por terceiro ano consecutivo, á campaña En Negro Contra as Violencias, na procura dunha resposta unánime de toda a sociedade contra esta problemática, que poña de manifesto, publicamente, o seu rexeitamento a todas as formas de violencia contra as mulleres.
As accións comezaron hoxe co reparto de materiais, entre os diferentes establecementos, comerciais e hostaleiros, asociacións, clubes deportivos, centros educativos e entidades socioculturais adscritos á iniciativa As Pontes en Negro, cos que vestirán de loito os seus escaparates e locais en sinal de rexeitamento e dor por todas as mulleres que sofren a violencia machista e, a partir de mañá, procederase á instalación de pancartas, cos lemas da campaña, nos edificios municipais.
Este ano, ademais, a concellería de Igualdade puxo en marcha unha acción de sensibilización entre os clubes deportivos locais, con deporte base, explicando entre a rapazada os motivos da posta en marcha da campaña En Negro Contra as Violencias, e promover e crear entre a xuventude do municipio unha actitude de tolerancia cero cara calquera tipo de agresión contra as mulleres.
O venres, 22 de novembro, a concelleira responsible da área, Tania Pardo, achegarase ata Lugo para asinar o manifesto conxunto dos concellos e outras institucións públicas adheridas á campaña.
Por outra banda, o luns, 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar un acto institucional no salón de plenos do Concello de As Pontes no que se dará lectura ao manifesto en contra da violencia de xénero.