Skip to main content
ActualidadeCospeitoSin categoría

Os socialistas de Cospeito critican o deterioro da rede viaria do Concello

Por 3 Decembro, 2019Sin comentarios

Os socialistas de Cospeito acusan ao goberno local de descoidar a rede viaria do Concello traslas últimas actuacións realizadas en zonas como Roás.

Segundo indica o PSOE, durante o mes de setembro, foron “numerosas” as queixas dos veciños de Roás sobre as estradas da parroquia. “Especialmente os gandeiros, dado que durante a tempada de recollida do millo, as numerosas e profundas fochancas retardaban o desprazamento e impedían a monobra da maquinaria agrícola; feito que encarecía o prezo dos traballos relacionados coa recollida do millo”, din.

No derradeiro pleno correspondente ao mes de setembro, o PSOE preguntou se se ía asfaltar o tramo da estrada que vai dende Os curros ata a Ponte do Somo e o concelleiro de Obras e a propia Alcaldía, afirmaron que se asfaltaría de inmediato no mes de outubro.

Segundo informan os socialsitas, a finais de outubro, unha vez rematado o período de recollida do millo, tapáronse algunhas das fochancas con grixo.

“Non só é vergoñento que o Goberno Local actúe mal e a destempo, a isto xa estamos acostumados, o verdadeiramente vergoñento é que se estean a converter as estradas asfaltadas en camiños de grixo. Grixo que por certo, ante as numerosas inundacións, é arrastrado pola auga cara as propias fincas dos veciños”, critican os socialistas.

Os socialiastas aseguran que “a morosidade do noso Concello coas empresas relacionadas coas obras viarias é tal, que estas non se interesan e incluso evitan realizar obras viarias no noso municipio. De feito, os tramos asfaltados de novo (como por exemplo os da Feira do Monte) corresponden a obras financiadas pola Diputación”.

Consideran por tanto que “un Goberno que descoida a rede viaria do noso rural é un Goberno que afunde a base e o fundamento da nosa terra, o sector primario”.