Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Asociación Sete Pontes está disconforme co proxecto de humanización do polígono

Por 17 Decembro, 2019Sin comentarios

Responsables da asociación de empresarios Sete Pontes de Vilalba mostraron a súa preocupación polo proxecto do Concello para humanizar a zona verde do polígono, pola que discorre o Camiño Norte, ao considerar que o seu peche e a supresión de uso como aparcamento xerará problemas nesta zona industrial que consideran “prioritaria para a comarca”.

Os empresarios aseguran que se crearía un gran fluxo de vehículos cara as rúas interiores de polígono, que afectaría directamente á seguridade viaria tanto dos usuarios coma dos peregrinos, nos que se xustifica esta actuación, e que finalmente estaría poñendo en maior risco a súa integridade a cambio dunha suposta humanización con pedras de granito e arbustos”.

Consideran que a multitude de vehículos que usan e aparcan nesa zona, tanto das propias empresas de Vilalba como de clientes dos negocios do Polígono, non terían unha zona de aparcamento e descanso habilitada e de capacidade suficiente. Ademais, nos días de afluencia ao tanatorio da zona, xeraríase un caos de vehículos e
persoas que tería un impacto impredecible na circulación do polígono, “poñendo en risco as persoas que alí acoden, e malestar nas empresas colindantes por esa falta de aparcamento”. O mesmo que sucedería os días de reunións e cursos da asociación e na cafetería.

Desde Sete Pontes recoñecen a importancia social e económica do Camiño e a necesidade de dar boa imaxe aos peregrinos, pero cren que a “decisión prima uns motivos contrarios ás necesidades dos nosos socios e en definitiva do pobo de Vilalba sen dar ninguhna solución”.

A asociación defende que empresas e clientes usan a diario para aparcar a zona que se prevé reformar, sen que exista unha alternativa para estacionar.

Desexan que se poida modificar o proxecto e precisan que o investimento previsto de 20.000 euros poderíase usar para “a mellora e humanización doutras zonas do polígono máis urxentes, como xa temos solicitado e para ou cal non temos resposta”.