Skip to main content
Actualidade

As Pontes esixe unha solución para o servizo de pediatría do centro de saúde

Por 30 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes esixe á Xunta de Galicia que cubra, de forma urxente e inmediata, a praza de pediatra do centro de saúde do municipio.

Nun escrito remitido á Consellería de Sanidade, o Concello das Pontes pon de manifesto a situación actual na que se atopa o centro de saúde do municipio, ante a falta da pediatria sen que esté previsto que a baixa sexa cuberta pola administración sanitaria, incidindo en que “non se pode permitir esa falla de previsión, cando a baixa da facultativa é por maternidade e houbo tempo para prever a súa substitución”.

Esta circunstacia vai provocar que “case 1.100 nenos e nenas, menores de 14 anos da vila teñan que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo e, no caso dos menores de tres anos, a situación aínda é máis preocupante ao verse obrigados a desprazarse a 40 kilómetros para ser atendidos no centro de saúde Fontenla Maristany, en Ferrol” apuntan desde o goberno local.

Desde o Concello das Pontes remarcan que se trata “dunha situación inadmisible. A Xunta de Galicia, con competencias directas en materia sanitaria, non pode ter este deslieixo cun servizo básico e de tanta importancia como é a atención sanitaria dos nenos e as nenas das zonas rurais, precarizando os servizos sanitarios e promovendo a súa concentraciónen torno ás grandes vilas, deixando sen atencións aos pequenos pobos e vilas.

Por outra banda, o goberno local recorda que esta situación non é nova, “non é a primeira vez que desde o Concello das Pontes denunciamos a pérdida de servizos sanitarios no noso municipio, especialmente grave cando falamos de nenos e nenas. Non entendemos a falta de interés da Xunta de Galicia para articular solucións, empregando sempre os mesmos argumentos inxustificables e impulsando a precarización da sanidade, para non reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais e garantir un dereito fundamental de todos os veciños e veciñas das Pontes”.

Desde o Concello das Pontes instan ao goberno autonómico a dotar de maior estabilidade aos/as profesionais dos servizos de pediatría e desenvolver un plan de contratacións que permita incorporar máis especialistas e así logar una solución “o máis axil e eficiente posible que de resposta ás necesidades da veciñanza e a calidade dun servizo necesitado, demandado e moi valorado”.