Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A ampliación do PAI de Guitiriz segue pendente

Por 17 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A ampliación do PAI de Guitiriz segue pendente, a pesar de que na reunión mantida no mes de outubro en Santiago a conselleira de Benestar Social, Fabiola García, comprometeuse co Concello a buscar algunha solución para mellorar o servizo de atención infantil en Guitiriz xa que a demanda existente na actualidade excede ás prazas que poden ofertar coas instalacións actuais.

Segundo indicaron fontes municipais “parece que a situación non se resolverá a curto prazo” xa que na última conversa telefónica mantida por parte da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, este comunicoulle que aínda non había novidades.

Marisol Morandeira cuestiónase agora se a Xunta de Galicia ten unha intención real de solucionar os problemas do servizo de atención infantil en Guitiriz. “Por unha banda, os técnicos da Xunta de Galicia que visitaron o PAI emitiron un informe no que concluían que a ampliación das instalacións non era posible e pola outra a Xunta non se compromete a crear unha nova escola polo que non sei cal será a alternativa que adoptarán”, explicou.

O que sí recibiu o PAI, xunto a outros sete da provincia, foi unha axuda que concede a Xunta todos os anos para renovar material e equipamentos.