Skip to main content
ActualidadeMeira

O PP valora o investimento en Meira en 1,2 millóns de euros

Por 23 Febreiro, 2020Sin comentarios

“As achegas da Xunta de Galicia durante o 2019 supuxeron unha inxección de máis de 1,2 millóns para Meira”. Así o resalta o voceiro do Grupo Municipal Popular, Carlos Veiga, despois de manter unha xuntanza co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, na que fixeron balance dos investimentos do goberno galego dirixidos a acometer obras e prestar servizos aos veciños e veciñas.

O popular engadiu, así mesmo, que “a estes recursos hai que engadir os que a administración autonómica dirixe a Meira e que permiten manter importantes servizos públicos da súa competencia como son o centro de saúde e os centros de ensino”.

Veiga fixo fincapé nos máis de 122.000 euros que a Xunta achegou na pasada anualidade con cargo ao Fondo de Cooperación Local e que lle “permiten ao Concello acometer obras ou prestar os servizos que se consideren máis apropiados”. Tamén puxo de relevo a importancia dos máis de 81.000 euros que o goberno galego inviste para o sostemento do servizo de axuda no fogar, é dicir, “para que o Concello pague ás profesionais que atenden aos nosos dependentes nos seus propios domicilios”.

O voceiro do Partido Popular no municipio sinalou, en materia de emprego, a achega de máis de 135.000 euros. Ademais das axudas a autónomos, deste investimento tamén se viu beneficiado o Concello para a contratación de dous socorristas e un AEDL en conxunto con Riotorto e Ribeira de Piquín.

Infraestruturas
Veiga explicou que “da man do Fondo de Compensación Ambiental foi posible mellorar a rede de abastecemento ao núcleo de Cabana con preto de 48.000 euros”. Ademais, “a Xunta dirixiu tamén preto de 44.000 euros para o acondicionamento do camiño de acceso a Penacova” e máis de 18.000 euros para a mellora da LU-750”, entre os puntos quilométricos 0 e 2,4.

O goberno galego tamén investiu un total de 69.000 euros para a mellora dos centros educativos de Meira durante o 2019. Non quixo esquecer o popular as achegas do goberno galego para o desenvolvemento de programas educativos ou o investimento realizado en materia de deporte, fomento das festas de interese turístico – a Festa da Malla- ou para emerxencias.

Máis de 715.000 euros para o rural
Veiga sinala tamén que o medio rural de Meira se viu beneficiado na pasada anualidade de máis de 715.000 euros achegados pola Xunta. A maior parte deste investimento diríxese aos agricultores e gandeiros de forma directa a través de axudas ás que hai que engadir outras axudas concedidas polo GDR para o desenvolvemento de proxectos privados ou aquelas que percibiu o Concello para o arranxo de camiños e para maquinaria dirixida á prevención e loita contra os incendios forestais.