Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz consegue a autorización para a construción da residencia de maiores na Casa da Botica

Por 5 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Guitiriz recibiu por fin a necesaria autorización da Xunta de Galicia para que a Deputación de Lugo poida construír a residencia de maiores no edificio da antiga casa da Botica, situado fronte á casa consistorial.

A Deputación xa ten adxudicados os traballos desde hai tempo por 1,2 millóns de euros pero era necesaria a autorización da Xunta para poder acometer os traballos, que está previsto que se inicien nas próximas semanas.

A alcaldesa de Guitiriz amosouse hoxe satisfeita xa que “a construción da residencia foi unha prioridade para o equipo de goberno desde o comezo do mandato que se demorou máis do previsto por causas alleas a nós” e remarcou que “agora o importante é que esta infraestrutura tan importante para os veciños e veciñas de Guitiriz pronto será unha realidade”.

Quixo agradecer á Deputación a constante e diaria colaboración para que a Xunta axilizase este tema e tamén por “asumir unhas competencias que deberían corresponder á Xunta de Galicia” e manter o seu “compromiso de levar a cabo un proxecto fundamental para o noso municipio”.

Características da residencia

A residencia de Guitiriz contará con tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e unha habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiusos, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos para uso para uso xeral adaptados. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións cada unha delas cun baño adaptado incorporado e un local para baño xeriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.