Skip to main content
ActualidadeVilalba

O SLG fai unha aportación ao Plan de Igualdade de Vilalba

Por 24 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba está traballando no terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres para o que convocou a diversas organizacións e colectivos da Terra Chá a un encontro de traballo o pasado xoves, 13 de febreiro.

Por parte da Secretaría das Mulleres do SLG acudiu a coordinadora na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, que coincidiu en varios puntos na análise da situación do Concello de Vilalba no que respecta á situación demográfica, de saúde e de violencia de xénero; e tamén en diversas propostas con outros colectivos, como a necesidade de levar a cabo programas de alfabetización xurídica para mulleres de todas as idades, corrixir as deficiencias do transporte colectivo nas zonas rurais, accións de apoio familiar para mitigar a carga de traballo das mulleres coidadoras, reforzar en todos os eidos a prevención da violencia machista ou a posta en marcha de programas de reparación das vítimas e outras persoas afectadas.

Dende a Secretaría das Mulleres do SLG achegouse unha proposta especifica consistente en analizar a situación de mulleres cotizadoras pola agraria e titulares de granxas e, en base aos datos estatísticos achegados polo concello, poñer en marcha medidas específicas para enfrontar o problema da cotitularidade nas explotacións agrarias.

Como explica, dende a entrada en vigor da Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, o 5 de xaneiro de 2012, tan só se fixeron cotitulares 5 mulleres en toda a provincia de Lugo (18 na Galiza). “Cando se aprobou a lei, existían estimacións que apuntaban a que, só na nosa terra, podería haber unhas 35.000 mulleres labregas que traballan na granxa familiar estando só o seu cónxuxe como titular único, carecendo así de dereitos laborais e figurando tan só como “axuda familiar” a pesares de exercer a profesión”, din.

“Por iso, entendemos que, nunha comarca eminentemente agraria como a Terra Chá, é necesario identificar cantas mulleres labregas se atopan nesta situación de precariedade debido a non ser titulares nas granxas nas que traballan, e realizar accións concretas para rematar con esa situación de interinidade profesional e vital”, conclúen.