Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O tren que nunca deu chegado

Por 16 Marzo, 2020Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Non cabe dúbida que Galicia, especialmente as zonas do interior, tivo historicamente un importante déficit en vías de comunicación, unha eiva que influiu negativamente no seu desenvolvemento. Existen tres aeroportos, certo, e a rede de estradas e autovías, moi mellorable, non é a de hai trinta anos. Pero en canto ó ferrocarril, constátase un grave problema. En primeiro lugar, só con botar unha ollada ó trazado, dedúcese que bastante máis da metade do territorio galego permanece alleo a esta fórmula de transporte, tanto para as persoas como para as mercadorías. O eixo que conforman as principais cidades das provincias da Coruña e Pontevedra, aparecen perfectamente conectadas. Incluso Ourense está ben comunicada neste aspecto. Logo temos a nosa Mariña e a súa vía estreita, un tren este que atravesa os municipios do norte de Lugo e co que se pode chegar a  percorrer desde as terras do Ortegal ata o País Vasco. Desta infraestrutura sorprende que non estea moito máis explotada do que está, xa que o potencial semella ser enorme tanto do punto de vista económico como social. En segundo termo, o avance en estradas non foi equivalente nos camiños de ferro, onde non houbo tanta sorte. Un lembra de neno pasar tódolos días os distintos trens camiño de Bilbao, Madrid ou Barcelona, cada un co seu horario determinado, con parada en Guitiriz e Baamonde, desde onde partían e retornaban esas moreas de emigrantes que deixaron a Terra para buscaren o pan noutros lares lonxanos. Así mesmo, o coñecido como Ferrobús, con diferentes frecuencias horarias que permitían chegar á capital provincial desde Begonte e Rábade e o correspondente regreso. Todo elo foi reducido á mínima expresión sen que ninguén fose quen de variar esta decadencia.

Resulta chamativo que a principios do século pasado se barallase unha opción que permitiría que o percorrido do tren, con saída en Pontevedra, avanzase por importantes concellos desa provincia, chegando a Monterroso e a continuación, Lugo. Ademáis, contemplábase unha liña por Vilalba e Mondoñedo cara a Ribadeo. Pero como moitos outros proxectos que conlevarían un avance para a nosa bisbarra e outras, quedou simplemente nunha idea aparcada dentro dun caixón.

Se dámos unha volta por áreas xeográficas punteiras doutras comunidades autónomas e dos países europeos alén dos Pirineos, poderemos corroborar a importancia que tivo e está a ter a presenza do ferrocarril no progreso e modernización de todas elas.

En Galicia levamos máis dunha década escoitando falar do famoso AVE, o cal tiña previsto a súa chegada no dous mil doce, logo no quince e agora xa non se sabe para cando, porque o enésimo retraso desta obra xa non suscita emocións entre a cidadanía.

Semella que poda ser moi interesante para nosoutros poder chegar a Madrid en pouco tempo subidos a un tren que logre acadar os tres centos quilómetros a hora, aínda que dentro do noso territorio, no mesmo método de transporte, percorrer apenas cen quilómetros leve case un par de horas.

É evidente que algo se tivo que facer mal neste eido. Perdémolo tren.