Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes conmemora o Día internacional da Muller

Por 6 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello das Pontes, a través dos departamentos de Benestar Social, Cultura e Deporte, conmemorará, durante os meses de marzo e abril, o Día Internacional da Muller, cunha ampla proposta de actividades que teñen como obxectivo común concienciar aos ponteses e pontesas, especialmente á mocidade, sobre o papel da muller na sociedade actual.

Entre as activades programadas destacan as dirixidas ao alumnado dos centros educativos das Pontes orientadas a dar visibilidade á muller nos distintos ámbitos da sociedade e sensibilizar sobre a igualdade de xénero.

Así o alumnado de educación infantil recibirán, o día 10 de marzo, a visita de Caxoto Teatro cun contacontos sobre igualdade que leva por título “Contos vellos, novos finais” mentres que o alumando de educación primaria participará en diversos obradoiros de sensibilización en igualdade que terán como temática central á muller traballadora e a súa presenza en todas as áreas do mercado laboral. A través destes obradoiros, o alumnado adquirirá coñecementos sobre o significado do 8 de marzo e o motivo da súa conmemoración.

Por outra banda, o día 27 de marzo, ás 19.00 horas, no primeiro andar do Mercado Municipal inaugurase a exposición “Elas”. Unha mostra de debuxos conmemorativos do Día Internacional da Muller realizados polo alumnado de educación primaria que participou nos obradoiros de sensibilización en igualdade. O acto contará coa actuación do alumnado do Conservatorio Municipal de Música.

Para os alumnos e alumnas de secudadaria dos IES das Pontes, o día 12 de marzo , Caxoto Teatro, a través do contacontos “ Micromachista eu” tratará de facer reflexionar as e os participantes sobre a igualdade de xénero.

As actividades para o público xeral arrincarán o día 6 de marzo, ás 12.00 horas coa lectura dunha declaración institucional, no pleno municipal do concello aberta a toda a veciñanza.

Ese mesmo día, ás 20:00 horas inaugurarase na Casa Dopeso a exposición “Mulleres” de Artpo na que as e os artistas locais amosarán a súa investigación sobre o corpo e a identidade feminina. A mostra permanecerá aberta ata o 30 de marzo e poderá visitarse durante o horario de apertura habitual do edificio municipal.

Xa durante a seguinte semana, ao abeiro dos Xoves na Biblio, a Biblioteca Municipal acollerá o día 12 de marzo, a partir das 18.00 horas o contacontos Carabranca protagonizado pola actriz Iria Pinheiro.

Tamén na Biblioteca Municipal durante o mes de marzo haberá unha exposicion de libros “O futuro é femenino” de temática feminista que amosan a vida de mulleres científicas, escritoras, activistas, pintoras, aventureiras, políticas, entre outras.

O xoves, 19 de marzo, celebrase a quinta edición da carreira Corre por elas no marco da XXX Carreira de San Xosé. Os fondos recadados estarán destinados a asociación ALVIXE, asociación para a loita contra a violencia de xénero.

Xa o día 25 de marzo, ás 19.00 horas, no Auditorio Casa Dopeso, as alumnas do Conservatorio Municipal ofrecerán un concerto no que a muller será a principal protagonista e no que amosarán o potencial da muller na educación musical.

Durante os meses de marzo e abril, dirixido a todos os públicos, o Concello das Pontes porá en marcha un ciclo de charlas con temática de muller no que se afondará en aspectos como o papel da muller no mundo da ciencia e a investigación, o coidado das mulleres coidadoras ou a saúde emocional, psicolóxica ou afectiva.

Por outra banda, tamén durante os meses de marzo e abril poranse en marcha os “Roteiros en feminino”, rutas guiadas polas rúas das Pontes que levan nome de muller. Mulleres coñecidas e relevantes das que se coñecerá a súa historia e a súa contribución ao feminismo e a loita pola igualdade.