Skip to main content
Actualidade

A Xunta decreta a emerxencia sanitaria en toda Galicia

Por 13 Marzo, 2020Sin comentarios

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a partir das 00.00 horas de hoxe Galicia entra en estado de emerxencia polo coronavirus.

Así, tomaranse unha serie de medidas co obxectivo de evitar a propagación do virus e insistiu en que a poboación permaneza nas súas casas.

As decisións inmediatas implican a creación dun centro de coordinación operativa desde a que se activarán os mecanismos necesarios para garantir a saúde da poboación.

Feijoo anunciou que as primeiras decisións son que os bares, restaurantes e cafeterías permanezan pechados ao público, e explicou tamén que os restaurantes e bares poderán seguir prestando o servizo a domicilio ou de recollida no local, de forma que neste último caso os clientes deberán estar o mínimo tempo posible no local e sempre tendo en conta todas as medias sanitarias.

Os establecementos comerciais poderán continuar a súa actividade se son de alimentación e produtos de primeira necesidade, como son as panaderías, carnicerías, peixarías, fruterías, gasoliñeiras e tendas pequenas de alimentos. Nas grandes superficies, tan só poderán abrir os espazos destinados a alimentos.

Así mesmo, deberán pechar cines, teatros, salas de concertos, auditorios, pubs, discotecas, e furanchos. Ao igual que os espazos infantís, recintos deportivos, pavillóns, ximnasios, piscinas, albergues do Camiño de Santiago.

Por outra banda, no referente a funerais nos tanatorios queda limitado o aforo a un terzo do total, podendo ser 25 o máximo de persoas do cortexo fúnebre.

Estas medidas entran en vigor desde hoxe a noite as 00.00 horas e para garantir o se cumprimento poñerase en marcha un plan que levará ás rúas ás forzas de seguridade do estado que velarán pola seguridade dos cidadáns, e de forma que se garantan as decisións tomadas.

Así mesmo, recoméndase non viaxar, aínda que non se tomaron decisións concretas, pero manteñense as recomendacións anunciadas nos últimos días como evitar viaxar agás que sexa estritamente necesario. No caso de facelo, pidese especial coidado aos colectivos máis vulnerables, como son as persoas maiores ou aqueles con patoloxías respiratorias.