Skip to main content
Actualidade

O Servizo contra incendios desinfectou máis de 60 centros de saúde

Por 31 Marzo, 2020Sin comentarios

Os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), desinfectaron un total de 63 centros de saúde e residencias en 45 concellos da provincia de Lugo na súa primeira semana de colaboración no marco da situación de emerxencia declarada por mor do coronavirus.

Durante a xornada de onte, traballaron na contorna dos centros de saúde e de maiores de dez concellos lucenses: Muras, A Pastoriza, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Baleira, Rábade, Castroverde, O Corgo e Friol, desinfectando unha quincena de espazos públicos.

O persoal do SPDCIF ten previsto percorrer a práctica totalidade dos municipios lucenses durante esta situación de emerxencia sanitaria. Ademais dos centros asistenciais están a desinfectar outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que estes profesionais tamén se están a encargar de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e colaborar nas comunicacións de posibles condutas irregulares a través da rede de emisoristas do propio Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia.

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e os produtos precisos para efectuar as desinfeccións. Ademais de desinfectar, están a establecer contacto cos profesionais das residencias para reforzar os seus protocolos de prevención.

Os axentes ambientais e bombeiros forestais que participan na iniciativa fano de xeito totalmente voluntario durante as súas quendas de traballo. Estas funcións adicionais non impiden que quede garantida en todo momento a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar.