Skip to main content
ActualidadeMuras

Ampliado ata o 13 de marzo o prazo para solicitar as axudas da luz en Muras

Por 3 Marzo, 2020Sin comentarios

O Concello de Muras ampliou o prazo para pedir as axudas por gasto de luz nos fogares dos veciños de Muras ata o 13 de marzo deste ano correspondente á pasada anualidade. Como en edicións anteriores, todos os interesados en solicitar esta axuda terán que presentar as facturas correspondentes ao todo o ano pasado nas oficinas municipais, no Rexistro Xeral. O abono farase nun único pago.

O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non superará os 600 euros por unidade familiar e concédese en función da renda per cápita anual de cada unha. Este ano aplicarase a suba aprobada en Pleno de cen euros na máxima retribución.

Concederase unha soa axuda a cada familia que o solicite e unha soa por vivenda habitual e por contador da luz destinado á vivenda habitual. No caso de edificios de vivendas, poderase conceder a axuda a cada vivenda que forme parte del e que así conste no padrón municipal de habitantes. Non poderán optar a estas axudas as vivendas que teñan débedas coa administración local, agás que sexan abonadas antes do remate do prazo.