Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Os virus son inevitables, as epidemias non

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

Por Raúl Río

Afirma Álbert Camus na súa novela, A Peste, moi acaída para esta corentena, que uns cantos casos non fan unha epidemia, porque bastaría con tomar precaucións, tamén o epidemiólogo americano, Larry Brilliant , insiste en que os virus son inevitables, as epidemias non, pero as nosas autoridades non souberon evitar que os virus propagaran unha pandemia, a pesar de que xa tiñan exemplos sobrados de que se trataba dun tema moi grave. Andaron tarde e mal e o Covid-19 descoseu as costuras dun sistema sanitario moi afectado polos recortes e privatizacións que levaron a cabo durante todos estes anos os gobernos da dereita e polos que hoxe morre tanta xente. Un exemplo é Madrid, onde gobernou o PP durante 25 anos, desviando tres millóns de euros da sanidade para a caixa B do PP madrileño e deixando hoxe nesa capital menos traballadores na sanidade que os que había en 2010, cando esa capital tiña medio millón menos de habitantes. Outro tanto pasou en Galicia, onde Feixoó leva once anos pechando camas e ambulatorios, vendendo hospitais, derivando á privada e despedindo médicos e pediatras, mentres algúns profesionais tiveron que emigrar e o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, dicía que “Las camas son importantes en hoteles y no tanto en hospitales.

Son deses que dan mais prioridade á economía que a vida das persoas, como Isabel Diaz Ayuso, que non tivo reparo en dicir o 11 de marzo na televisión madrileña, que “Madrid non se vai pechar polo coroavirus, porque algo así prexudica gravemente a economía”, cando Madrid se converteu nun foco de infección que encheu Galiza de virus.

China foi a primeira e en pouco tempo dominaron a situación, sen embargo o Estado Español tivo incluso mais tempo de vantaxe que Italia para tomar medidas (como dixo unha enfermeira española en Italia), pero non o fixo.

Tampouco se parou a tempo a actividade económica non esencial, porque a dereita e a patronal afirmaban que non se podía permitir “un peche global” da actividade económica e industrial, despois de advertir os médicos que o frearon en China, que o confinamento só non é suficiente e que “hai que paralizar toda a actividade económica non esencial”. Paralizárona durante uns días, pero o día 13, pola presión das asociacións empresariais e, cando aínda a curva non empezara a baixar, levantaron a prohibición, poñendo en perigo a saúde dun montón de traballadores e das súas familias, co risco de desandar o camiño gañado co confinamento.

Claro que o Estado non dá puntada sen fío e veulles moi ben para desviar a atención dese cheiro putrefacto que ven da Casa Real, polo que aproveitaron para centralizar mais o Estado e intentar lavar a imaxe deses militares, nos que aínda aniña o espírito franquista, que se dedican a dar discursos patrióticos, facendo alusión á guerra e aos valores castrenses con arengas belicosas como: “Sin novedad en el frente “, que ofende ás familias de centos de persoas que estan a morrer; “guerra irregular”, ou que “todos somos soldados”, que ten mais que ver con un nacionalismo ultra-español rancio e supremacista que coa solución á pandemia da que intentamos saír. Resulta patético e fora de lugar, que nesta situación anden polas rúas de Pamplona co himno nacional a todo trapo, fronte a unha cazolada da poboación que os repudia, e que para informar dun problema médico utilicen a un militar, un policía e un garda civil, cargados de medallas. Só faltan nesa opereta un matador de touros e un crego.

Esta pandemia tamén nos mostrou a cara mais inhumana e insolidaria da UE, que andaban roubándose barcos de insumos entre eles, e a solidariedade de Cuba (que mandou persoal sanitario a 37 países), e de China; ambos pobos que enviaron científicos, médicos, enfermeiras, menciñas e insumos a Italia e outros países. Aquí, pola prepotencia do goberno “de progreso” e o seu servilismo ante os gringos, non permitiron a axuda cubana que pedira Catalunya, nin que entrara o medicamento cubano Interferón alfa-2b, que se utilizou con tan bos resultados na China, non só para curar aos enfermos, senón tamén para aumentar as defensas do persoal sanitario contra a infección, pero a eles non lles importan nin uns nin os outros. Proba dilo e que o día 11deste mes, a Sanidade Vasca, Osakidetza, mandaba a traballar a unha médico que estaba de baixa por haber dado positivo en dúas probas, unha facía quince días e outra o pasado día 9.

Malia a iso, non teño dúbida de que imos saír desta peste, non polo Goberno Central, o da Xunta ou do Goberno Vasco; nin pola axuda dos símbolos tradicionais hispánicos, do exército e a do seu “primeiro soldado” (a quen teremos que poñer data de caducidade cando saiamos desta), senón a pesar de todos eles, porque o pobo é quen salva o pobo e contamos con un gran equipo de profesionais da sanidade pública, desde o persoal de limpeza ao colexiado, un verdadeiro exército de heroes que sen as proteccións adecuadas arriscan a súa propia vida para salvar a nosa. Eses son os que merecen todas as glorias e as medallas que lles dan aos outros.