Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

O Concello de Friol suspende a IV edición do Friulio

Por 2 Abril, 2020Sin comentarios

Á vista da evolución dos acontecementos en relación coa crise sanitaria do COVID 19 e, despois de manter unha reunión telemática con membros da Xunta Directiva da Castronela, o alcalde José Ángel Santos, xunto co presidente da mesma, José Antonio Viña, decidiron suspender a edición número IV do Friulio 2020 que estaba previsto celebrarse os días 9 e 10 de Maio.

Para tomar esta decisión, ambas as entidades estudaron todas as consecuencias, a primeira e a máis importante, a saúde, tanto da poboación do propio municipio como dos visitantes, e por suposto, as recomendacións dos expertos para preservar a mesma.

“Seguindo eses consellos, e tendo en conta que nun evento como o que nos ocupa, poden coincidir máis de dez mil persoas, nun contacto moi directo, para observar e participar en todas as actividades que estaban previstas na programación, non sería prudente nin responsable permitir dita celebración. Seguro que, tanto os veciños do municipio de Friol, como o resto de persoas que xa tiñan en mente asistir a este evento, que cada vez, recibe maior número de visitantes, entenden que se tome esta decisión, polo ben común e para tratar de preservar o actual estado sanitario no municipio”, explican.

“Tanto a Asociación de Recreación Histórica A Castronela como o equipo de Goberno do Concello, somos coñecedores da importancia do Friulio para o municipio de Friol e a súa poboación, pero ante esta dura situación sanitaria debemos de adoptar medidas complexas e extraordinarias, sempre actuando desde a responsabilidade e con coherencia, en beneficio da poboación e visitantes que durante as dúas xornadas acompañaríannos, somos conscientes dos prexuízos que carrexa dita suspensión, pero o prioritario nestes momentos é reducir ao mínimo calquera posibilidade de contaxio do virus”, comenta o alcalde.