Skip to main content
Actualidade

O Goberno repartirá dende mañá máscaras entre a poboación que ten que traballar

Por 12 Abril, 2020Sin comentarios

O Goberno entregou a Galicia un total de 602.000 de máscaras que empezarán a distribuírse a partir de mañá nos principais puntos da Comunidade Autónoma para aquelas persoas que teñan que desprazarse para traballar e sexa máis complexo manter a distancia de seguridade. En Lugo repartiranse un total de 74.000 unidades, mentres que en Ourense serán 68.000. Na Coruña e en Pontevedra entregaranse 250.000 e 210.000, respectivamente.

Esta medida enmárcase dentro da estrita limitación de movementos vixente desde o inicio do estado de alarma e está en consonancia coas prioridades e recomendacións marcadas polo Ministerio de Sanidade, entre as que se recomenda o uso de máscaras para aqueles traballadores que non poidan teletraballar nin desprazarse en vehículo particular, en bicicleta ou a pé e teñan que utilizar medios de transporte público cunha importante afluencia de persoas.

Os 10 millóns de máscaras, adquiridas e xestionadas polo Goberno de España, chegaron a España vía aérea o venres pola noite para a súa repartición por todo o país. Onte sábado e hoxe domingo organizáronse os roteiros para a súa distribución e a Delegación do Goberno en Galicia está a coordinar coas subdelegacións do Goberno as partidas correspondentes ao territorio.

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, e a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, mantiveron na tarde do sábado unha videoreunión con todos os delegados do Goberno para detallar e organizar tanto a repartición por comunidades como o operativo de distribución polos principais nodos de transporte público. Na reunión tamén participaron a subsecretaria do Ministerio do Interior, Isabel Goicoechea, e o director xeral de Protección Civil e Emerxencias, Leonardo Marcos.

DISTRIBUCIÓN EN TERRITORIOS

O Ministerio de Sanidade recomenda en primeiro lugar o teletraballo e en segundo lugar que todos aqueles que teñan a capacidade de desprazarse ao seu traballo en vehículo particular, en moto, bicicleta ou andando, fágano así, evitando os traslados en transporte público.

A distribución realizarase este luns e martes ou este martes e mércores, en función da finalización do período de Semana Santa nos distintos territorios do país. As máscaras estarán dispoñibles exclusivamente para aquelas persoas que teñan que desprazarse aos seus postos de traballo en sistemas de transporte nos que sexa máis complicado manter a distancia de seguridade.

Na repartición de máscaras realizarase por parte de efectivos e voluntarios do Sistema Nacional de Protección Civil coa participación das Forzas e Corpos de Seguridade, tanto do Estado como autonómicas e locais.

O Sistema Nacional de Protección Civil coordínase desde a Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior e está integrado por efectivos e capacidades da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas e das Corporacións Locais, entre outros actores. O sistema, activado desde a declaración do estado de alarma, coordina en total a acción de preto de 350.000 persoas.

A partir deste luns, e de forma paralela, reforzarase a presenza de axentes das Forzas e Corpos de Seguridade nas estacións de proximidade e de metro e nos nodos de transporte, incluído o autobús, para realizar as comprobacións pertinentes para garantir que os movementos sexan só os permitidos polo Real Decreto de estado de alarma.

SANIDADE

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou tamén de que o Executivo xa entregou 2.488.141 unidades de equipamento sanitario á Xunta de Galicia para combater a pandemia do COVID-19. Nos últimos días acelerouse a entrega de material, fundamentalmente de material de protección como máscaras (670.000 máis), mergulladores (7.000 máis) e batas (5.000 máis).

Javier Losada detallou que os envíos remitidos a Galicia entre o 10 de marzo e o 7 de abril suman 1.471.889 máscaras, 961.607 luvas de nitrilo, 10.522 mergulladores, 8.186 batas desechables e impermeables, 5.242 lentes de protección, 7.896 unidades de solución hidroalcohólica e 22.741 unidades doutro material como calzas, mandís, cubremangas e gorros. Ademais, tamén se entregaron 58 ventiladores non invasivos.

O delegado do Goberno apuntou que estes significan o esforzo diario do Executivo para facer chegar todo o material posible aos servizos sanitarios de Galicia e insistiu no traballo coordinado entre administracións para vencer ao COVID-19. Lembrou que a este material súmanse o 58.800 test rápidos que se entregaron o pasado luns como complemento ás PCR e que permiten incrementar de forma substancial a capacidade de diagnóstico para confirmar ou descartar a presenza do COVID-19 na poboación.

XUNTA DE GALICIA

Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de efectuar un novo reparto esta semana de máis de 51.400 unidades de protección contra o coronavirus na totalidade dos concellos da provincia de Lugo para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que en total, foron distribuídos esta semana 31.300 guantes, 19.200 mascarillas e 397 traxes. Ademais, tamén se distribuíron 207 litros de xel hidroalcohólico e 339 litros de lixivia. Trátase do terceiro envío que reciben os concellos lucenses,

A distribución está a realizarse directamente desde a plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así, o material se está a levar directamente aos concellos para evitar desprazamentos.

A Administración autonómica leva repartido entre os municipios da provincia preto de 147.000 equipamentos de protección (EPIs) adquiridos directamente por ela: 90.457 guantes, 50.834 mascarillas, 2.857 traxes e 2.210 batas. A este material hai que sumar 604 litros de xel hidroalcohólico, 489 litros de lixivia e 21 garrafas de 5 litros de desinfectante.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Con esta medida, o Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do Covid-19 conten co material de protección que precisan.

RESIDENCIAS

A Xunta de Galicia formaliza no día de hoxe un segundo reparto de material de protección co obxectivo de atender as necesidades de todas as residencias da provincia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que con este segundo envÍo o Goberno galego ten distribuído en máis dun centro de residencias un total de 243.345 equipos individuais de protección (EPIs) e outro material de limpeza.

En concreto, os centros socias da provincia de Lugo que continúan coa súa actividade teñen recibo 85.300 guantes, 130.500 mascaras cirúrxicas, 1.581 máscaras FFP2, 1.394 batas e outros tantos mandís, 377 pantallas oculares, 7.400 gorros, 13.500 calzas e, xa no ámbito do material de desinfección, 881 botes de xel e 881 garrafas desinfectantes.

As achegas están dirixidas ás residencias de persoas maiores e tamén aos centros residencias de atención a persoas con discapacidade, con independencia de que sexan de titularidade pública ou privada, pois a intención da Xunta e reforzar os medios de protección dos profesionais que traballan na atención destes colectivos vulnerables.

A intención do Goberno galego e continuar efectuando futuros repartos de material de protección ás residencias da provincia e facelo con carácter periódico. Tamén existen protocolos específicos, que deben aplicar as direccións dos centros, para extremar a limpeza das instalacións e, hai un seguimento continuo desde as autoridades sanitarias autonómicas.