Skip to main content
Actualidade

Matemáticos da USC avanzan o final da pandemia en Galicia

Por 15 Abril, 2020Sin comentarios

O catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, xunto cos investigadores Iván Area da Universidade de Vigo e Delfim Torres da Universidade de Aveiro, concluíron no mes de febreiro un modelo matemático co que abordar a evolución da COVID-19 e que prevía que o punto de inflexión da epidemia en Galicia se rexistraría durante a primeira semana de abril, tal e como finalmente sucedeu.

Este equipo ao que tamén se sumaron o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira, así como Luís Seoane do CSIC, continúa coas súas análises e suxire empregar unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais para determinar o alcance real dunha pandemia da que, afirman, “comeza a verse a luz ao final do túnel”. “Pensamos que cunha análise semanal a unha mostra aleatoria simple da sociedade galega teríamos unha fotografía moito máis exacta do alcance da pandemia, pois permitiría saber quen padece a enfermidade e quen a superou, incluso de xeito asintomático”, afirman.

En todo caso, o equipo de investigadores é consciente da dificultade desta medida polo escaso número de tests dispoñibles. “O non dispoñer de tests a día de hoxe non permite facelo, pero pensamos que é algo que si que se debería valorar cando cheguen, analizar quen a tivo e quen a ten”, aseguran.

Un duro descenso
Os científicos alertan das dificultades que alberga o proceso para dobregar a curva. “Non podemos pasar do confinamento á festa dun día para outro, ten que ser progresivo e tentar evitar que se produzan novos brotes internos”, afirman. Ao mesmo tempo, valoran a fortuna de ser un territorio historicamente illado. “A nosa xeografía e as dificultades de comunicación históricas -e que aínda se manteñen- xogaron ao noso favor: a pandemia chegou máis tarde e puidemos aproveitar todo o coñecemento médico que se desenvolveu por exemplo en Italia para mellorar o tratamento dos pacientes. Iso redundou en que comezamos o illamento antes de ter unha propagación masiva, que os casos de UCI foron chegando pouco a pouco, e que co coñecemento médico foi posible unha redución nos tempos de UCI o que redundou en non saturar estas unidades”, explican.

Resaltan, asemade, a asimetría das célebres curvas. “A velocidade na subida é moito maior que no descenso. Son curvas asimétricas. Iso significa que se tardamos 25 días en atinxir o número máximo diario de persoas infectadas, o esperable é tardar 45 días desde ese máximo en reducir o número de persoas infectadas a cero”, afirman. “O final da pandemia non chegará ata que pasemos moitos días sen ter novas persoas infectadas e iso aínda está moi lonxe. Non convirá permitir pronto reunións de máis de 40-50 persoas para ter certo control no caso de que comece un novo brote”, apuntan.

Un problema “lonxano”
“Cando comezou o problema en China a mediados de xaneiro, comezamos a elaborar un modelo para tentar describir a propagación”, explican. “Nas nosas cabezas era un problema lonxano, naquela altura non pensabamos que chegaría a afectarnos. Rematamos o modelo o 11 de febreiro, e fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade”, continúan.

O equipo de investigadores realizou unha advertencia o 4 de marzo, precisamente o día do primeiro caso de coronavirus confirmado en Galicia, aínda que “ao comezo ninguén tomou en serio as nosas predicións”. O que fixeron durante este tempo foi ir actualizando os datos comunicados polas autoridades sanitarias para ver como se axustaba a curva do modelo á realidade. Neste senso, “si que se evidenciaron diferenzas na propagación entre distintos territorios, fundamentalmente derivadas das chamadas condicións iniciais”.

Carreira de velocidade
“Un exemplo visual das condicións iniciais é pensar en Usain Bolt, quen corre os 100 metros en 9.58 segundos. Iso é unha media de 10.43 metros por segundo. Pero se nos fixamos na velocidade instantánea cando está aproximadamente no metro 60 ou 70 veremos que aí a velocidade chegou a ser de case 12.5 metros por segundo. Cando comezou a pandemia Galicia, afortunadamente aínda estaba facendo exercicios de quecemento, nin sequera estaba nos tacos de saída” explican.

Completamente distinto foi o caso de Madrid onde a propagación era xa moi intensa naquela altura. “O confinamento a partir da declaración do estado de emerxencia sanitaria o venres 13 de marzo e do estado de alarma en todo o territorio español ao día seguinte rebaixou os contaxios, pero non é o mesmo comezar a baixar interaccións cando boa parte da poboación está infectada a cando o número de persoas infectadas é baixo. Tamén pensamos que o transporte público e outras aglomeracións de xente de determinadas cidades foi un factor fundamental no rápido crecemento do número de persoas infectadas”, aseguran.

Finalmente, os investigadores fan un chamamento de alerta. “Este virus aínda non foi o virus; non temos datos o suficientemente fiables como para saber que pasou; algún día teremos un problema moito máis intenso que teremos que resolver, e esa información é vital de cara a poder frear outra(s) pandemia(s)”, aseguran. “Pechar fronteiras si que é un xeito de contención, basta ver os datos de Rusia, se ben habería que saber canto de certos teñen; ou comparar os datos da Rusia cos dos Estados Unidos”, advirten con cautela.