Skip to main content
Actualidade

A Policía das Pontes fixo máis de 150 controis dende o inicio do estado de alarma

Por 17 Abril, 2020Sin comentarios

A Policía Local das Pontes realizou un total de 152 controis, en case unha vintena de puntos do pobo, desde que o pasado 14 de marzo se decretase o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Como resultado do traballo que están a facer as forzas de seguridade, co despregue dos efectivos da Policía Local, a Garda Civil e a Policía Naval nas rúas e nos espazos públicos do municipio, para garantir o cumprimento do decreto de estado de alarma, tramitáronse un total de 60 denuncias.

Estas denuncias débense, principalmente, á presenza inxustificada nas vía pública así como ao incumprimento das normas sobre desprazamentos en vehículos, sendo a maioría dos casos reincidentes. Estas condutas, que incumpren coa Lei de Seguridade Cidadá e coa Lei Xeral de Saúde Pública conlevan multas de entre 100 e 60.000 euros.

Desde o Concello das Pontes sublíñase que “en liñas xerais, o comportamento dos veciños e veciñas do pobo é exemplar, están respectando as normas impostas polo estado de alarma pero sempre hai excepcións e as forzas de seguridade están realizando un gran traballo e esforzo para garantir o cumprimento do decreto e velar pola saúde de toda a veciñanza”

Por outra banda, o Concello das Pontes lembra que “desde o pasado luns, 6 de abril, a plantilla da Policía Local reforzouse coa incorporación de catro auxiliares, que permiten cubrir o servizo as 24 horas do día para garantir, durante a vixencia do estado de alarma, o cumprimento das medidas de confinamento establecidas polo Goberno e a Xunta de Galicia así como a informar á cidadanía das recomendacións para evitar o risco de contaxio e a propagación do coronavirus”.