Skip to main content
Actualidade

A Rede Museística amplia a súa oferta de actividades en liña

Por 27 Abril, 2020Sin comentarios

A Rede Museística Provincial ven de ampliar a súa oferta de actividades en liña co programa #Feitoparati,  co que achegan propostas culturais adaptadas ás necesidades que lles formulan desde distintos colectivos.

A asociación Agora de Monforte, que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) foi das primeiras en participar nesta actividade coa que a Rede mantén o seu compromiso coa inclusión e a accesibilidade, ademais de afortalar os lazos coa comunidade.

A través de encontros en liña guiados pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago, as persoas usuarias de Agora puideron visitar virtualmente o  Museo Pazo de Tor e coñecer con detalle a súa historia, así como outros aspectos da cultura local.

Na última semana,  a Rede tamén colaborou coa residencia de persoas maiores de Foz, ofrecendo os seus recursos para axudar aos residentes a sobrelevar o estrito confinamento que manteñen nestes centros.

A Rede Museística, que durante o ano ven realizando actividades presenciais con Cogami, ponse a disposición dos colectivos da provincia para deseñar actividades adaptadas ás necesidades e preferencias de cada grupo.

Tamén atenden as peticións que se realicen desde centros educativos e anpas, para ofrecer propostas didácticas ao alumnado, como viñan facendo durante o curso escolar.

As persoas interesadas deben formular a súa solicitude a través do correo electrónico xerencia@museolugo.org 

Museal, desde o inicio do confinamento

A Rede Museística Provincial reforzou a súa actividade en liña desde o primeiro día do confinamento,  poñendo en marcha  unha programación online baixo o epígrafe Museal: a vacina que te inmuniza, que inclúe diferentes propostas para que a cidadanía se poida seguir achegando aos fondos e recursos dos museos.

Crea o teu museo

Actividade dirixida ás familias que constrúen os seus propios museos a partir de recordos e obxectos de seu, e outros elaborados con materiais e suxerencias do persoal da rede.

Musavisitas dialogadas

Visitas virtuais da man do persoal da rede, que comenta os distintos espazos e recursos dos que dispoñen os museos provinciais.

Crebacabezas Memory 

Actividade na que as obras do Museo Provincial de Lufo se relacionan con cada un dos obxectivos de desenvolvemento sustentábel que a ONU incluíu na Axenda 2030.

Albúm da memoria compartida

Actividade dirixida ás persoas integrantes dos club sénior dos museos provinciais. Os museos abriron estas fiestras virtuais tras pecharen as portas ao público o pasado 13 de marzo, seguindo ás recomendacións das autoridades sanitarias. Para salvar a brecha dixital,  ofrecen a posibilidade de coñecer os fondos dos museos e participar nas actividades a través de chamadas telefónicas.