Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Concello de Guitiriz creará un banco de axudas ante as novas situacións de emerxencia

Por 29 Abril, 2020Sin comentarios

O primeiro pleno telemático da historia do Concello de Guitiriz foi todo un éxito, polo bo funcionamento da ferramenta e tamén polos acordos alcanzados. O máis destacado: a creación dun banco de axudas municipal para facer fronte ás novas situacións de emerxencia xeradas pola COVID-19.

A sesión, que comezou ás 12 horas e foi retransmitida en directo para o público vía streaming, levouse a cabo a través da plataforma ‘Zoom’ e co sistema e a asistencia de do servizo de novas tecnoloxías da Deputación de Lugo. Nada máis comezar, gardouse un minuto de silencio por todas as vítimas do Coronavirus.

O anuncio máis salientable deste primeiro pleno telemático foi o acordo unánime da corporación para crear un banco de axudas municipal que sirva para facer fronte ás situacións de emerxencia xeradas pola crise sanitaria actual.

Agora, nunha comisión de traballo formada por representantes de todos os grupos, estudarase a fórmula máis axeitada para canalizar estas axudas que irán dirixidas directamente aos veciños e veciñas de Guitiriz. Expúxose a posibilidade de crear un banco de alimentos ou a de habilitar un fondo económico no que podería participar con donativos toda a poboación e que posteriormente se transformaría en vales xestionados a través dos Servizos Sociais.

O que xa é seguro é que todos os concelleiros e concelleiras doarán o importe da asistencia ao pleno e á comisión informativa a esta causa, independentemente da forma na que se articule. Esta cantidade supón un total de 1.060 euros.

Outros puntos
A sesión plenaria tamén serviu para aprobar, por unanimidade, un recoñecemento extraxudicial de créditos de 6.008,12 euros para poder poder pagar facturas pendentes a provedores. “É un procedemento que a administración fai de xeito habitual pero, coa situación que estamos a vivir, non se podía demorar”, explicoua alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

Ademais, ratificouse a elección da xuíza de paz titular de Guitiriz e deuse conta á corporación das medidas adoptadas polo Concello en relación coa crise sanitaria da COVID-19 desde a declaración do Estado de Alarma.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo dar as grazas “en primeiro lugar aos veciños por estar a comportarse tan ben e cumprir todas as normas que se lles indican e tamén aos traballadores municipais, que se puxeron a disposición do concello para facer o que fose necesario desde o comezo do Estado de Alarma. Síntome orgullosa de ser alcaldesa deste pobo”.

A rexedora estendeu os agradecementos “á Deputación de Lugo por poñer á nosa disposición este servizo para poder realizar o primeiro pleno telemático da historia de Guitiriz e por guiarnos desde o primeiro momento que llo propuxemos para que todo saíse ben”.