Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Policía Local de Vilalba incorpora a tres axentes en prácticas

Por 11 Abril, 2020Sin comentarios

A Policía Local de Vilalba xa ten incorporadas a catro persoas máis desde o mes de marzo despois de que culminase o proceso selectivo dunha oferta de emprego público iniciada no 2018.

Trala primeira fase, nomeouse a esas tres persoas como axentes en prácticas e a outra máis como funcionario de carreira, que se unen ás outras oito prazas. Os tres primeiros forman parte do persoal vilalbés desde o pasado 12 de marzo, despois de que o Concello notificase por un decreto de Alcaldía do día 10 o seu nomeamento, tras superar un sistema de oposición.

Os novos axentes xa empezaron a traballar a pé de rúa, xa que, ao decretarse o estado de alarma pouco despois do seu nomeamento, pospuxeron a formación teórica que deben recibir na Academia Galega de Seguridade (Agasp) ao clausurarse todos os centros formativos.

Os novos axentes teñen pendente entón o curso de formación que consta dunha parte teórica, cunha duración de seis meses, e comezaron coa práctica, de dura dous meses antes.

Na mesma oferta de emprego público incluíase cubrir outra vacante no persoal da Policía Local de Vilalba, a través dun sistema de acceso por concurso para mobilidade. Unha vez finalizado o proceso selectivo, a Agasp nomeou a outro axente como funcionario de carreira que deberá tomar posesión no prazo dun mes, tendo que escoller entre o Concello de Pontedeume e o de Vilalba.

Con estes catro axuntes o persoal da Policía Local de Vilalba estaría formado por doce policías. Actualmente hai catro policías titulares, tres auxiliares e o xefe do corpo na localidade, que foron as que quedaron despois de que se producisen varias baixas por xubilación nos últimos anos.