Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba suprime o cobro de taxas a particulares e empresarios

Por 29 Abril, 2020Sin comentarios

O Concello de Vilalba modificará sete ordenanzas fiscais para reducir ou suprimir o cobro de taxas e tributos en beneficio de particulares e empresarios/as nesta situación derivada da crise sanitaria polo COVID-19. Con esta medida, as arcas municipais deixarán de ingresar 120.000 euros segundo a estimación elaborada que poderán contribuír á redución do gasto de moitos vilalbeses e vilalbesas.

Modificarase a ordenanza sobre construcións, instalacións, obras e licenzas de primeira ocupación, de xeito que nas obras menores non se cobrará o 2% sobre o orzamento, e nas obras maiores pasa do 2% ao 1%. “Por citar un exemplo que sirva de aclaración para os cidadáns, nunha obra menor de 10.000 euros, cobrábanse 200 euros e agora cero, e nunha maior (que precisa de proxecto) cun presuposto de 100.000 euros, o importe a pagar pasaría de 2.000 a 1.000 euros, cun aforro da metade”, explicou o concelleiro de Economía e Facenda, Luis Fernández.

No que atinxe á ordenanza número 6 do municipio, sobre a apertura de establecementos, suspenderase o cobro desta licenza que supoñía como mínimo 300 euros, así como o cambio de titularidade. Tamén se suprimirá a taxa por expedición de documentos administrativos na expedición de licenzas urbanísticas recollida na ordenanza número 8, aforrado de 50 a 150 euros segundo o tipo de obra.

Non se cobrarán tampouco as taxas por ocupación de vía pública con mercadorías, valos, andamios e outras instalacións análogas. Neste senso, as taxas por terrazas non se cobrarán mentras sigan as medidas adoptadas neste momento de crise sanitaria, coa posibilidade de ampliarse esta supresión.

Por outra banda, cancélase o cobro da tarifa básica para a nova implantación de actividades administrativas de inspección, control e verificación de actividades en réxime de declaración responsable, cun mínimo de 200 euros, nin as modificacións de licenzas.

Por último, realizarase unha modificación sobre o incremento dos terreos de natureza urbana (plusvalía), bonificando o 95% na transmisión de vivenda habitual e dos locais afectos a actividade económica exercida, por mortis causa a favor de descendentes, ascendentes e do cónxuxe. No caso dos locais, tense que manter a actividade durante un período de cinco anos. Tamén se bonificará nun 95% a cota íntegra do imposto nas transmisións de terreos naquelas actividades económicas que sexan declaradas de especial interese (tendo que ser aprobada a declaración polo pleno).

“Este paquete de medidas será posto en coñecemento do grupo da oposición para posibles aportacións”, e desde o goberno convocarase un pleno extraordinario para aprobar ditas medidas consensuadas que entrarán en vigor 30 días despois da súa publicación.

O Concello de Vilalba promove estas modificacións para “reducir o gasto a particulares e empresas nesta complicada situación”, subliñou Fernández, “tratando de beneficiar aos vilalbeses” neste período 2020 e 2021, “aínda que poderemos ampliar ou estudar outras medidas dentro das nosas competencias en función de como evolucione a situación ou estudar outras medidas sempre para reducir o impacto económico desta crise sobre os nosos veciños”.