Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Vivir en tempos de represión

Por 18 Maio, 2020Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Moncho Paz

Ao remate da Guerra Civil, os partidarios do bando republicano sufriron a violencia en todas as súas dimensións (física, económica, política, cultural…). Os perdedores eran denunciados polos seus veciños como antifranquistas – foran ou non-, así como os membros de organizacións políticas, sindicais e, en xeral, todos aqueles cidadáns que non estaban de acordo coa ditadura e manifestaban a súa oposición a ela. Como constituían un perigo para a nova orde establecida, eran inmediatamente etiquetados como inimigos do réxime e, no mellor dos casos, condenados ao ostracismo social. A represión política, combinada coa apatía xeneralizada e a loita pola supervivencia, non daba ocasión para a protesta. Ademais, había xente na que literalmente non podías confiar; por iso Mario Xosé decidiu manterse a unha beira e dedicarse fundamentalmente ao traballo no ultramarinos, sen participar en actos públicos de apoio aos vencedores do conflito. Trataba de poñer un pouco de equilibrio na súa existencia e recuperar a ledicia perdida, centrándose no negocio e na familia.

A vida social e política de Vilalba estaba dominada polas “autoridades”: o crego, o gobernador militar de Lugo e o alcalde de quenda, omnipresentes en todo tipo de actos públicos pro-réxime, unhas convocatorias ás que o meu avó non acudía por principios, escudándose sempre no argumento de que tiña moito traballo. Calquera simpatía polos vencidos significaba pobreza e desemprego, mentres as oportunidades que xurdían eran aproveitadas polos vencedores para manteren os seus privilexios. Se había algún detido no cárcere municipal, Mario Xosé encargábase de que alguén lle fixera chegar un pouco de pan. Non por caridade, senón por solidariedade; pero iso non o dicía en voz alta, limitábase a comentalo na casa.

A nova educación imposta polo franquismo debía borrar todos os aspectos de renovación e avance educativos, ademais de crear leais e entregados súbditos da nova España que estaban a construír. Na escola inculcaban, dunha maneira obsesiva, a formación do espírito nacional, cun exaltado patriotismo españolista, a debida obediencia a Franco e tamén ás autoridades; as materias tiñan un marcado cariz ideolóxico, baseado na defensa a morte do catolicismo. A Igrexa recuperou o protagonismo na educación que perdera coa Segunda República e a relixión volveu ser unha materia obrigatoria en todos os niveis do ensino. O Frente de Juventudes e a Sección Femenina da Falanxe adoutrinaban ás novas xeracións na ética do servizo ao Estado franquista, que se declaraba totalitario. A xornada lectiva comezaba nas escolas co saúdo fascista e o “Cara al sol”. E o rapaz ou a rapaza que non soubera rezar recibía unha losqueada, cando non dúas ou tres. José Antonio Primo de Rivera -coñecido entre os vencedores como “o ausente”- pasou a presidir a fachada da igrexa parroquial de Santa María de Vilalba, como parte principal da cruz de mármore dedicada aos “Caídos por Dios y por España”.

Con este panorama desolador para a intelixencia, o verdadeiro centro de poder nos anos corenta era a política agraria do réxime, que substituíra ás reformas distributivas da Segunda República polos modelos de colonización importados da Italia de Mussolini. Unha gran parte da retórica dos primeiros tempos do franquismo estivo dirixida ao enaltecemento da agricultura; en parte, debíase a que o problema da alimentación das persoas era fundamental, pero tamén porque o réxime consideraba ao labrego como a verdadeira encarnación dos valores da Cruzada, fronte ao obreiro das cidades, corrompido polo socialismo marxista. A porcentaxe de poboación activa no sector agrícola pasara dun 45 por cento na década de 1930 a un cincuenta por cento a comezos de 1940. O Estado trataba de regular os prezos do trigo para evitar o estancamento agrícola e, como consecuencia, o rexurdimento industrial. A propaganda franquista lanzou a mensaxe de que “un ano de boas recolleitas é tamén un ano de prosperidade para o comercio e para a industria”. Era o clásico modelo decimonónico do subdesenvolvemento; nada novo.

Tras o escándalo de 1947 polo tráfico ilegal de fariña, que se saldou coa detención de varios empresarios vencellados ao Consorcio de Panaderías, acusados de promover as vendas clandestinas, o réxime endureceu o control sobre este e outros produtos de primeira necesidade. Neste contexto, Mario Xosé tramitaba cada ano as correspondentes solicitudes ante a Delegación Provincial de Abastecementos e Transportes para conseguir autorizacións de compra de fariña con destino exclusivo para a comercialización no ultramarinos da rúa Xardíns. Este procedemento estaba enmarcado nas campañas cerealistas bianuais que remataban o 31 de maio do segundo exercicio económico. Era unha feroz lexislación que non lograba erradicar o mercado negro e o estraperlo, que alcanzaba ao total da poboación. Contaba o Chavito que el e os seus irmáns axudaban a meu avó ao saír da escola en moitas tarefas, traballando en equipo para unha mellor organización da familia Paz Guntín.

Pasaron moitas cousas naqueles anos, pero boa parte foise co vento da Chaira, as marelecidas follas dos outonos e a desmemoria. O único obxectivo vital de Mario Xosé era sacar adiante a María e aos seus tres fillos, a quen procurou educar en valores como o respecto, a convivencia, a empatía e a igualdade. A súa idea era orientalos cara á formación mercantil para transformar o pequeno negocio do ultramarinos e convertelo nunha empresa familiar de distribución de alimentación.