Skip to main content
Actualidade

A Deputación explica as novas medidas de protección

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este mércores que a institución provincial continúa adoptando medidas de prevención e seguridade fronte á Covid-19 para asegurar o mínimo risco posible de contaxio cando se produza a volta progresiva e gradual ao traballo e á atención presencial nas dependencias provinciais. “Estaremos preparados para afrontar con garantías o plan de desescalada avanzado polas autoridades sanitarias”, subliñou José Tomé.

O presidente informou de se instalarán sistemas de medición da temperatura corporal en cada un dos centros de traballo para detectar calquera anomalía na febre entre as persoas que traballan na Deputación e tamén da cidadanía que acode ás dependencias provinciais para realizar calquera xestión.

Así mesmo, José Tomé anunciou que se dotará ao Parque Móbil de cando menos dúas máquinas de ozono para a desinfección dos seus vehículos, uns 50, entre turismos, todocamiños, camións e maquinaria de acondicionamento de estradas, e tamén, no caso de que fose necesario, para a limpeza de espazos provinciais. O presidente lembrou neste senso que cada un dos seis parques de bombeiros do Consorcio Provincial (Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Vilalba, Sarria e Viveiro) xa dispoñen de canons de ozono para a limpeza interior e exterior dos seus vehículos.

Entre outras medidas, precisou que se limitará o aforo tanto nos edificios provinciais, como nas súas oficinas e espazos interiores co fin de que non se produzan concentracións de xente e se poida respectar en todo momento a distancia de seguridade de dous metros.

Con este mesmo fin de controlar a afluencia de persoas, priorizarase a atención con cita previa, ben sexa a través de teléfono ou vía telemática.

Así mesmo, no interior dos edificios provinciais colocaranse carteis e sinalizaranse itinerarios de tránsito que fomenten unha correcta e segura mobilidade, garantindo que non haxa corredores ou oficinas onde conflúan moitas persoas e apostando por rutas alternativas que faciliten a dispersión e que permitan que se garde a distancia de seguridade.

“Todas as decisións que imos tomando seguen a mesma premisa: que a incorporación do persoal da Deputación ao traballo presencial se faga coas máximas garantías de protección e coa mellor eficacia na atención á cidadanía e aos concellos”, subliñou o presidente.

Protocolos de protección
Con todas estas medidas anunciadas hoxe por José Tomé, a Deputación complementa os protocolos de protección específicos para cada centro de traballo que xa ten elaborados co fin de garantir a seguridade da plantilla no traballo presencial.

A aplicación destes protocolos, que está coordinada polo servizo de Prevención de Riscos da Deputación, ten unha tripla finalidade.

Por unha banda, ao seu abeiro, esta semana reanudou plenamente a súa actividade o persoal do Parque Móbil, de Vías e Obras e da Granxa Gayoso Castro. Así mesmo, os plans serven para que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver o traballo presencial con plenas garantías durante o estado de alarma cando sexa preciso, mantendo como prioridade en todo caso o traballo a distancia.

Ademais, en previsión das medidas de desescalada que vaian adoptando as autoridades sanitarias, con estes protocolos a Deputación xa conta desde agora cun instrumento de base e flexible para cando se determine a incorporación gradual e progresiva ao traballo presencial. Desta maneira, os empregados públicos coñecen con antelación e tempo suficiente as pautas de actuación e organización para desenvolver con seguridade as súas funcións nos diferentes centros de traballo.

Os protocolos de seguridade inclúen a información aos traballadores, unha fase de formación e tamén a entrega ós empregados de Equipamentos de Protección Individual (EPIs) en función das características e singularidades das funcións que desempeñan.

Nesa documentación, o cadro de persoal recibe unha análise dos escenarios de risco de exposición ao coronavirus na súa contorna laboral e as medidas de protección que deben adoptar en función do lugar no que se atopen desempeñando a súa función. A raíz deses datos, propóñenselle unha serie de medidas encamiñadas a diminuír ese nivel de risco existente xunto coas recomendacións xerais de protección. Unhas recomendacións que están en continua revisión por parte dos diferentes organismos oficiais, como o Ministerio de Sanidade, e poderán ser obxecto de modificación se a situación epidemiolóxica así o requirise.

Entre as medidas que recolle o protocolo están as seguintes: o persoal debe ter a información sobre o virus e debe estar familiarizado cos procedementos de actuación, cada traballador debe acudir preferentemente ao centro de traballo en transporte privado,  reforzarase a limpeza das instalacións –con especial atención ás superficies que podan ser susceptibles de transmisión-, ventilaranse con frecuencia as dependencias, as reunións estarán limitadas no número de persoas, a hixiene persoal debe reforzarse e, entre outras, débese efectuar unha correcta xestión dos residuos.

Pola súa banda, inclúese cumprida información apoiada en imaxes e infografía sobre como facer un lavado de mans correctamente, como se debe viaxar nos vehículos en función do número de prazas ou o axeitado uso dunha mascarilla. Ademais, facilítanse pautas de actuación no caso de presentar síntomas da enfermidade, en función de se detectan a sintomatoloxía no domicilio ou no lugar de traballo, coa finalidade de que se corran os menos riscos posibles.

Previsión
A Deputación de Lugo xa activou un protocolo de actuación antes de que se decretara o estado de alarma para establecer pautas de actuación para previr e conter o contaxio da Covid-19. Dende aquel momento, todo o cadro de persoal ten á súa disposición nos recibidores dispensadores de solución hidroalcólica para facer unha antisepsia de mans.

Entre as medidas que recolle e que se seguen aplicando, está un reforzo da limpeza das instalacións dos diferentes centros da Deputación, con especial incidencia nas varandas e pomos das portas; priorízase a atención electrónica e telemática; promóvense as reunións de traballo por videoconferencia; as viaxes de traballo que non sexan imprescindibles deben evitarse; foméntase a formación por medios telemáticos; e, entre outras, quedou suspendido do sistema de fichaxe de pegada dixital.

Ademais, o servizo de Benestar Social elaborou con anterioridade á declaración do estado de alarma unhas guías con normas e recomendacións para desenvolver nos centros de atención a maiores de titularidade provincial (Pol, Trabada, A Fonsagrada e Ribadeo). Entre as normas que recolle, inclúese a prohibición de visitas de familiares e amigos.