Skip to main content
Actualidade

O Pleno das Pontes aproba a supresión da taxa das terrazas

O Pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, cos votos a favor do PSOE, PP, Xuntas por As Pontes En Común e a abstención do BNG, a exención do pago da taxa das terrazas, ata o mes de outubro de 2020, así como a modificación da ordenanza reguladora para facilitar a instalación de terrazas, de xeito inmediato.

Esta medida ten como obxectivo impulsar a reactivación económica dos establecementos hostaleiros da localidade e paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo COVID-19 no municipio nun dos sectores máis castigados pola situación derivada da crise sanitaria, con maiores dificultades no proceso de desescalada e que mantén centos de postos de traballo entre os veciños e veciñas da localidade.

Durante esta sesión plenaria, celebrada de xeito telemático, a corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión do Concello das Pontes á plataforma de contratación da Federación Española de Municipios, a fin de poder contratar as obras, servizos e subministracións que oferte dita entidades, feito que posibilitará, mediante a aplicación das economías de escala e a estandarización das obras, servizos e subministros, a obtención de condicións económicas máis favorables e a conseguinte redución do gasto público para o Concello das Pontes.

Asemade, o pleno pontés tamén aprobou, cos votos a favor do PSOE, PP, Xuntas por As Pontes En Común e a abstención do BNG, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 4.000 euros para o pago das axudas para a creación de empresas correspondente á convocatoria do ano 2019.