Mircromina Títeres ofrecerá este martes un espectáculo para público familiar no ciclo cultural en liña As Letras na rede, organizado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo para celebrar o Día das Letras Galegas e apoiar ao sector cultural da provincia.
A partir das 19.00 horas, as redes sociais e a canle de Youtube da Vicepresidencia difundirán a actuación da compañía mindoniense, que apela á intelixencia e ao humor para chegar cos seus espectáculos a todos os públicos.
O creador da compañía, Ton Arenas, constrúe os seus propios teatriños, pinta as escenografías, modela os bonecos e deseña os seus espectáculos de xeito totalmente tradicional no taller dos Títeres do Barrio dos Muíños aberto a visitantes e colaboradores.
As Letras na rede
A programación en liña As Letras na rede, que arrancou este domingo, reúne unha decena de artistas e creadores da provincia. Do 17 ao 27 de maio, cada día ás 19:00, estreáse unha actuación musical ou escénica na canle de Youtube e nas redes sociais da da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Mércores 20 de maio
A poeta Olga Novo, cunha obra intimamente relacionada co feminismo, recitará algunhas das súas composicións.
Xoves 21 de maio
A compositora mariñá Ugía Pedreira interpretará unha escolma de poemas musicados, con melodías propias e alleas.
Venres 22 de maio
O dúo Raiceira, formado polas lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, interpertará melodías populares extraídas da tradición oral galega.
Sábado 23 de maio
Davide Salvado presentará un anaco de seu último espectáculo, “Amarelo”, onde reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, con textos de Manolo Cortés, dende a óptica contemporánea que caracterizan as súas propostas.
Domingo 24 de maio
A banda de música infantil Mamá Cabra, neste caso cun formato reducido con Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, ofrecerá un percorrido polos éxitos dunha carreira de máis de 15 anos.
Luns 25 de maio
A artista multidisciplinar Marina Oural mesturará na súa actuación a arte do movemento, da declamación, da escrita e da improvisacion oral.
Martes 26 de maio
En formato trío, con Miriam González ao acordeón e Pipo Alvariño á guitarra, Pepe Vaamonde presentará un espectáculo orixinal pensado para ser bailado nun claro entorno foliadeiro.
Mércores 27 de maio
A narradora e dramaturga Ana Carreira, confundadora de distintas compañías de teatro galego, artellará a súa actuación arredor de tres contos, dirixidos a todas as idades.