Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Autorízanse as actividades de roza e limpeza de montes

Por 23 Maio, 2020Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural que autoriza a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico e nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

A medida foi acordada polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria, o mesmo que xa reactivara a obriga da limpeza das faixas secundarias -as dos 50 metros máis próximos ás vivendas- para anticiparse aos lumes forestais. Tívose en conta non só que estamos en primavera e a proximidade da época de alto risco de incendios, senón tamén o tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, a evolución da pandemia e a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, en virtude da aplicación da fase 1 do Plan de desescalada en Galicia.

Así, a resolución autoriza a realizar traballos de xestión de biomasa nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. As rozas, limpezas ou tarefas de mantemento poderán levalas a cabo os titulares desas parcelas ou as persoas que ostenten dereitos sobre as mesmas que as habiliten a tal fin.

Para xustificar o desprazamento, os interesados deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén portar os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na finca ou lugar determinado.

Se os titulares dos terreos teñan contratada con terceiros a xestión da biomasa e precisan desprazarse ás leiras para dirixir os traballos ou por calquera outro motivo relacionado cos labores deberán incluír na declaración responsable os datos da empresa ou persoa contratada: nome ou razón social, NIF, domicilio ou sede e a previsión das datas nas que se levarán a cabo os traballos. Neste caso, non será obrigatorio levar os apeiros, utensilios ou ferramentas.