Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

En Guitiriz levan as charlas de bar ás plataformas sociais através do grupo VoltaremosXuntos

Os hostaleiros de Guitiriz aproveitaron este tempo de reclusión para achegarse de xeito máis directo aos seus clientes a través dunha plataforma de nova creación, baixo o lema #VoltaremosXuntos, na rede social Instagram.

A programación principal desta iniciativa, outra de moitas creativas para manter a unidade con veciños e amigos, consiste na realización de directos, que comezaron con vídeo de proba e que agora contan cun horario institucionalizado todos os martes e xoves ás 22.00 horas e os domingos ás 16.00 horas.

Estas charlas realízanse entre dous ou tres persoas, sempre algún veciño da localidade e os temas a falar son moi diversos co obxectivo de socializar nestes temos de reclusión e simular unha charla de bar.

Os impulsores desta iniciativa son o hostaleiro Chito Corbelle, Andrés Fernández e Pilar García pero xa pasou por esta rede xente como a médica Eva López, Alfonso Blanco e moitos máis, contando experiencias dende o seu lugar de residencia, que nalgúns casos é o estranxeiro.

O máis importante de todo é que a xente pode participar nesta plataforma, sumarse e facer cousas. Nela xa se poden ver tamén vídeos de ánimo do club Btteiros Cova da Serpe ou do fútbol sala e está previsto subir outros do Concello de Guitiriz, dos alumnos de pilates ou do equipo de fútbol.

Pero no é esta a única actividade que se realiza. De feito, os domingos hai sesión vermú veciñal na contorna do Campo da Feira de Guitiriz. A celebración comezaba pola Pascua, xa que varios dos veciños da rúa Deputación son dos Vilares, onde esta cita ten unha gran tradición. Como non podía ir á festa optaron por improvisar unha sesión vermú dominical de balcón a balcón, que mantén a súa continuidade.

Ademais, todos os días ás 20.00 horas, dende o restaurante O Korreo, xunto aos aplausos, faise soar Resistiré e outra peza para a que se aceptan peticións da audiencia.