Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Mago Teto actuou no Auditorio de Vilalba por streaming ante 200 persoas

Máis de 200 persoas conectáronse este sábado 2 de maio para ver en directo ao Mago Teto, que actuou no Auditorio Municipal de Vilalba co seu espectáculo Alquimia, nunha iniciativa da Concellaría de Cultura do concello vilalbés e de Culturactiva S. Coop. Galega para estes tempos de pandemia.

O público seguiu o show por streaming desde as súas casas a través da canle de Youtube do Concello de Vilalba. Cumprindo as medidas de seguridade, acompañad@s de cinco cámaras e con realización en directo, conseguimos unha experiencia que, coas súas particularidades, se aproximou á sensación do espectáculo en vivo.

En total, o vídeo acumulou máis de 1.200 visitas e 200 horas de visionado durante as 24 horas nas que estivo dispoñible. Tanto para o Concello de Vilalba como para Culturactiva S. Coop. Galega e a compañía, o balance é o do máis positivo.

Para esta ocasión, o Mago Teto puxo en escena unha versión moi especial de Alquimia, adaptada a este novo medio e sen perder ningunha das sinais de identidade deste espectáculo. Neste show, o Mago Teto, tras varios anos estudando, experimentando e intentando descifrar a estraña simboloxía dos libros sobre alquimia, busca a pedra filosofal; non para conseguir a riqueza e a vida eterna, senón a alquimia que está dirixida ao corazón: a felicidade!