Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP de Vilalba solicita a celebración do pleno ordinario do mes de maio

Por 21 Maio, 2020Sin comentarios

O PP de Vilalba solicita ao goberno local a convocatoria do pleno ordinario deste mes de maio que se debería celebrar a vindeira semana. Os populares advirten de que “o equipo de goberno bipartito pretende celebrar un pleno extraordinario na semana que vén”; cando “o máis apropiado sería celebrar a sesión ordinaria que corresponde a este mes”, defenden.

Lamentan así os populares que “o equipo de goberno queira silenciar á oposición” se, finalmente, convoca un pleno extraordinario no que “só se incluirían os asuntos que lle interesaran ao goberno municipal”. Pola contra, as sesións ordinarias permiten aos distintos grupos formular preguntas ou achegar propostas en forma de moción, segundo explican dende a formación popular.

“Tendo en conta que as sesións ordinarias da Corporación municipal se celebran cada dous meses e que xa non se celebrou o pleno do pasado mes de marzo, se non se convoca o deste mes de maio; o Concello de Vilalba non celebraría outro pleno ordinario ata xullo e, polo tanto, pasaría un período de seis meses sen celebrar unha reunión do que é o máximo órgano de goberno municipal”.  En canto á fórmula para a súa celebración, o Grupo Municipal Popular sinala que a súa disposición para a súa participación tanto de xeito telemático coma presencial sempre que se cumpran as medidas sanitarias de prevención pertinentes.

Os populares pregúntanse, así mesmo, se “o goberno local ten celebrado algunha xunta de goberno no que vai de ano” porque, de terse celebrado, “o Grupo do PP non temos recibido ningunha acta”.

Os populares recordan que ante a crise xerada pola pandemia do coronavirus, teñen trasladado ao goberno vilalbés a súa “colaboración e lealdade”, pero advirten que “non se poden confundir con imposición”.

Critican así que “a alcaldesa pretenda gobernar por decreto” na mesma liña que o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, que finalmente convocou o pleno ordinario provincial despois de que o Grupo do PP no organismo provincial esixira rematar co secretismo do goberno sobre as súas políticas provinciais.

Para os populares de Vilalba, a alcaldesa socialista e o equipo de goberno incorren en contradicións “ao non escoitar á oposición” e, polo tanto, “ao facer o contrario do que prometeron para chegar á alcaldía”.

Un destes exemplos constitúeo o nomeamento, por decreto, de pedáneos ou alcaldes de barrio nalgunhas parroquias cando, con anterioridade, “defendían a súa elección en asemblea de veciños e veciñas”. Con todo, “non entendemos que sexa este un tema prioritario para o goberno local en plena crise sanitaria. Despois de case un ano no goberno e durante unha situación excepcional; este non é o momento”, defenden dende o PP vilalbés.