Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

As necrópoles megalíticas das Pontes

Por 12 Xuño, 2020Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Como testemuñan os achádegos arqueolóxicos, a Vila das Pontes e os seus arredores foron un lugar significativo en canto asentamentos dende a prehistoria, unha localización que acumulou unha gran densidade de mámoas concentradas en importantes necrópoles, as cales aportaron ós rexistros materiais unha información fundamental tanto para o Megalitismo galego como para o coñecemento da prehistoria pontesa.

A pesar das prospeccións e investigación dos estudosos dende finais do XIX, algunhas das mámoas foran parcial ou totalmente danadas polos traballos agrícolas ou “búsquedas de tesouros”, cuestión agravada pola explotación da mina de lignito a partir da década dos corenta, contribuíndo na paulatina destrución das evidencias arqueolóxicas a medida que os traballos ían avanzando. Esta situación levou a deseñar nos anos oitenta un plan de colaboración entre ENDESA e a Xunta para levar a cabo intervencións arqueolóxicas, executadas nos túmulos da Telleira na Ponte da Pedra (1988), en Reboredo (1989), en Illade (1990), no Forgoselo (1992), na Mourela (1992), ademais dunha prospección arqueolóxica de todo o Concello (1994). A pesar de todos os problemas de conservación, aínda se seguen mantendo unha serie de importantes concentracións tumularias en zonas da Serra do Cheibán ou a Mourela, xunto as das parroquias de Somede e o Freixo.

A nivel científico son destacadas as necrópoles da Mourela, da Veiga de Vilavella, da Veiga dos Mouros, o grupo da Telleira, o Cerrado de Illade, os túmulos da Fraga Vella, os túmulos do Chao de Reboredo, as medoñas do Forgoselo e os xacementos da Serra do Cheibán (Marraxón, pico Caxato e os da parroquia de Somede). Das distintas localizacións obtivéronse pezas significativas como a cabeza de maza da Mourela, os vasos campaniformes e o Tesouro ourive de Veiga de Vilavella, a machada e a aixola da Veiga dos Mouros, as puntas de frecha, rascadores, buriles e o idoliño de pizarra de Portorribo, etc., posicionando a localidade como un importante referente dentro dos intereses da arqueoloxía megalítica e da produción do fenómeno Campaniforme (mediados do III milenio A.C).

De todos estes obxectos atopados nas necrópoles do Val, podemos destacar especialmente os citados vasos campaniformes e o Tesouro de Veiga de Vilavella, un xacemento formado por tres túmulos e emprazado na parroquia homónima (destruído na actualidade) e escavado por primeira por Santiago de la Iglesia en 1893. Os vasos campaniformes elaborados coa técnica de churro (dos cales só se conserva un na facultade de Xeografía e Historia da USC), presentan a característica forma en S ou campá invertida deste tipo de produción cerámica, cunha decoración pertence ó coñecido grupo do Marítimo-Internacional no que o deseño está organizado a base bandas horizontais lisas intercaladas con outras ornamentadas mediante liñas impresas con cunchas de berberecho (decoración cardial). Estes recipientes foron os primeiros vasos campaniformes atopados en Galicia, constituíndose como referentes do Campaniforme do Noroeste peninsular.

Outro destes túmulos albergaba o “Tesouro das Pontes” composto por unha banda ou diadema de ouro, un puñal de espigo de folla alongada con biselado e catro puntas de frecha de cobre tipo “Palmela” con pedúnculo, todos eles elementos característicos dos enxovais mortuorios de tempos do Campaniforme que, xunto cos vasos e outros obxectos atopados nos distintos túmulos do Val, colocan as Pontes nun lugar privilexiado para o estudo da Cultura Megalítica en xeral e Campaniforme en particular.