Skip to main content
Actualidade

Colectivos de música tradicional demandan medidas contra o covid-19

Por 7 Xuño, 2020Sin comentarios

300 entidades que representan a lo menos a 20.000 persoas ligadas á música e ó baile tradicionais, únense nun fronte común co obxectivo de saír desta crise. Este proceso de traballo, que se iniciou co fin de recoller propostas das asociacións e persoas do colectivo, materialízase na elaboración dun documento conxunto, referendado por todo o sector, que recolle medidas específicas para paliar a crise.

Nun primeiro paso, solicítanse medidas inmediatas e a curto prazo, pero continúase traballando na creación dunha plataforma que aglutinará a todo o sector e na creación dun documento final que reúna todas as propostas e que se presentará ás distintas institucións para impedir que o sector da cultura tradicional quede abandonado.

“A situación de illamento social e inestabilidade económica provocada pola pandemia da COVID-19 está tendo como consecuencia unha gran crise no ámbito da cultura do noso país. Son varias as medidas que están a xurdir, sen dúbida necesarias, e coas que concordamos e apoiamos; pero queremos manifestar e aportar algunhas máis que reflictan as particularidades do sector da música e o baile tradicional en Galicia, que contemple a situación tanto das Asociacións como da diversidade de profesorado, parte do cal non se atopa nunha situación de traballo regulado”, comeza dicindo o documento.

“A música e o baile da nosa tradición, dinamizada a través das Asociacións Culturais, representa un motor indispensable sen o cal o sector profesionalizado da cultura sería moito menor. Os colectivos que apoian estas medidas que presentamos, agrupan a máis de 20.000 asociados/as, compoñentes, traballadores/as e alumnos/as que pertencen ou desenvolven o seu traballo en asociacións ou colectivos que ofertan innumerábeis actividades como clases, concertos, espectáculos, festivais, foliadas, seráns, feiras de artesáns, etc., que axudan á conservación e transmisión da nosa identidade e do noso patrimonio cultural inmaterial e que están completamente paralizadas a día de hoxe. Queremos facer fincapé en que a paralización da actividade está a supoñer importantes perdas na actividade económica, que dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen a axuda da administración e de toda a sociedade galega”, engade.

Segundo indican as actividades mencionadas non se contemplan no Plan de Reactivación para os Sectores Cultural e Turístico proposto pola Xunta de Galicia. Por este motivo, solicitan o compromiso de axuda e colaboración tanto da Xunta de Galicia, como das deputacións e dos concellos galegos e propoñen unha serie de medidas establecidas en dúas fases, unha de aplicación urxente e outra aplicable a curto prazo para contribuír ó mantemento e crecemento desta actividade cultural.

Así, demandan de xeito urxente, habilitar axudas económicas de forma inmediata que sufraguen as perdas causadas polo estado de alerta actual para todas as Asociacións Culturais; manter as distintas liñas de axudas, convenios e subvencións dedicadas especificamente ó sector da cultura tradicional nas administracións públicas cunha apertura dun período extraordinario de modificación nos obxectos destas para poder reformulalas e reprogramalas, e garantir o acceso a locais de ensaio (ou similares) onde poder manter a actividade das asociacións e os ensaios dos grupos asegurando o cumprimento das medidas sanitarias e de distanciamento social.

Así, mesmo, nunha segunda fase, tralo estado de alarma demandan a creación dunha plataforma que aglutinará a todo o sector tradicional para velar polos dereitos e necesidades propias; implementar medidas de promoción e difusión das actividades do sector unha vez rematado o período de confinamento; crear un plan de subvencións para a promoción da contratación de profesorado por parte das Asociacións que permita a regularización da situación laboral de ditas traballadoras e traballadores; crear un plan de axudas económicas ás Asociacións para manter e aumentar a actividade cultural de eventos artísticos e formativos (obradoiros, festivais, mostras, etc.); crear un Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega que recolla anualmente datos de tipo económico e social, o que permitirá coñecer a repercusión do sector no conxunto do tecido cultural e económico, e fomentar proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial dentro dos Conservatorios Superiores, as Universidades galegas e outras institucións públicas ou privadas que veñen traballando neste eido, coma o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego.