Skip to main content
Actualidade

A Xunta modifica as bases das axudas do Agader para axilizar o trámite

Por 8 Xuño, 2020Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou dúas modificacións de resolucións da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), para axilizar a concesión de axudas aos concellos beneficiados das ordes de Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e a de proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios.

En ambos casos, as modificacións consisten na posibilidade de que os municipios poidan solicitar un anticipo da axuda correspondente á anualidade 2020, non podendo exceder o 50% do importe total no caso das achegas para Plan Marco e o 80% no caso das de rehabilitación de mercados. O resto do pagamento da axuda aboarase ao finalizar as obras e presentar a correspondente xustificación. Este cambio lévase a cabo para dotar de solvencia económica aos promotores destes proxectos, que son os propios concellos.

Doutra banda, durante a vixencia do estado de alarma e da emerxencia sanitaria e en atención ás medidas adoptadas, non se realizaron as visitas para comprobar que os investimentos para os cales se solicita a axuda non están iniciados. Por iso, en ambas resolucións modifícase este punto para o cal só será necesaria unha declaración responsable do concello e verificarase coa documentación que integre o correspondente expediente de contratación das obras subvencionadas.

Estes cambios realízanse no marco do acordo aprobado polo Consello da Xunta sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. En virtude deste acordo, consideráronse esenciais as actuacións en materia de infraestruturas rurais e alimentaria.